Le o poema galego e portugués gañadores dos premios aRi[t]mar 2021

Os poemas, de Rosalía Fernández Rial e Márcia, serán interpretados na Gala que se realizará no outono, xunto coas cancións premiadas de Guadi Galego e Cláudia Pascoal.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2021 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela acabou de fechar o proceso de votación dos poemas finalistas do certame aRi[t]mar Galiza e Portugal, onde resultaron gañadoras a artista multidisciplinar galega Rosalía Fernández Rial, polo poema “A reflexión” (Árbores no deserto, Espiral Maior, 2020), e a compositora e música portuguesa Márcia, por “O verão sabe-me bem” (As estradas são para ir, Editorial Planeta, 2020). As seguintes persoas clasificadas foron Francisco Fernández Naval (Galicia) por “Dixeches”, e Alexandra Santos (Portugal), por “As letras do teu nome” e, en terceiro lugar, Arancha Nogueira (Galicia), por “#love” e Samuel F. Pimenta (Portugal) con “Foz”.

Rosalía Fernández Rial, autora de 'A lúa, válvula de spray'. Foto: FIOT en pausa
Rosalía Fernández Rial, autora de 'A lúa, válvula de spray'. Foto: FIOT en pausa

Os poemas foron escollidos por votación popular online aberta a todo o público galego e portugués e a participación superou todos os rexistros anteriores, segundo informan as persoas organizadoras do certame. A deste ano resulta, de feito, a máis alta das 6 edicións e de todas as modalidades, o que dá conta da "vitalidade e popularidade da poesía", anotan nun comunicado. Conxuntamente cos resultados na modalidade da música, nesta edición 2021 superáronse os 10 mil votos.

Ademais das comunidades educativas e sociais da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, participaron tamén as da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Instituto de Línguas e Ciências Humanas da Universidade do Minho (Braga), Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões e os centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza, e os Centros de Estudos Galegos de máis de 35 universidades do exterior, ben como centros de ensino secundario de fóra de Galicia en que se imparte galego, e o público en xeral.

aRi[t]mar Galiza e Portugal é un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía. 

OS POEMAS GAÑADORES

 

A REFLEXIÓN  

 

Detrás do espello

todas eramos a mesma muller,

núa, 

interrogativa,

reclamándolle respostas

á realidade.

Ninguén vai chamar por nós?

Ninguén ─silencio ─.

Porque sodes a mesma muller sen rostro,

sen nome.

E se nos creamos?

Que cada unha

se debuxe da forma que queira.

E foi así como demos a luz

os nosos lenzos,

soñando pincel,

imaxinando cores, 

a grande escala.

Foi así como

comezamos a parirnos…

Ata nacer

entre os marcos ceibes 

da fantasía feminina. 

Así hoxe vexo,

nos seus ollos,

que o teu retrato

son eu.

 

Rosalía Fernández Rial, Árbores no deserto, Galaxia, 2020

 

---

 

O verão sabe-me bem.

Gosto do calor que entra, d

a face quando fica iluminada

gosto de ter luz nos olhos e gosto de ficar parada. 

 

Quando o sono não vem,

e aquelas noites não se arrefecem,

é com o verão que sonho. 

  Aquieta-me, o quente. 

  Nem preciso falar. 

 

Basta ficar a olhar

a linha torta dos montes com o calor dos horizontes

para tudo se endireitar. 

 

Márcia. As estradas são para ir. Editorial Planeta, 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta