Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2021 | Actualizada ás 21:25
Pontevedra acollerá o vindeiro 22 de maio a grande cita do atletismo galego dos últimos meses. Nesa xornada terá lugar a celebración da XXXVII edición dos campionatos autonómicos de Clubs en categorías Sub 16 e Sub 20, que congregarán os principais atletas desas categorías en Galicia para, uns días despois, dar paso ao certame galego de categoría master.
Alí daranse encontro nomes como Pepín Rioseco, o ancián ferrolán que vén de bater o récord mundial de 800 metros, Esther Pedrosa e José Luis Otero Cepeda, nunha xornada que terá lugar o sábado 29 de maio e onde competirán os mellores clubs de Galicia en probas 100, 200, 400, 800, 1.500 e 3.000 metros, onde poñerán a proba a súa destreza con obstáculos, altura, lonxitude, triplo salto, pértega, peso, disco, xavelina, martelo e marcha
As probas do Campionato Galego Sub 20 desenvolveranse en horario de mañá, desde as 9:30 horas, e as do Galego Sub 16 en horario de tarde, a partir das 16:15 horas, agardándose a participación duns 300 deportistas dos nosos mellores clubs en cada categoría (ao igual que no Máster).
En palabras de Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, “trátase duns campionatos moi importantes dentro da oferta anual da Federación Galega”, nunhas “pistas emblemáticas” e nunha cidade “que aposta polo deporte”. O presidente da FGA agradeceu a implicación da Xunta, o Concello e a Sociedade Ximnástica para facer posible a celebración duns campionatos “que serán un éxito”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.