Denuncian despedimentos de traballadoras de axuda no fogar en concesionarias por razóns económicas

As traballadoras do sector denuncian tamén a súa invisibilización e condicións laborais na pandemia: "Algunhas compañeiras tiveron que ir traballar con batas do Prestige e máscaras de ir a sulfatar".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/05/2021 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

Traballadoras do servizo de axuda no fogar agrupadas ao redor da plataforma SAF Galiza denunciaron despedimentos en compañías concesionarias que atribúen a razóns económicas para aumentar as marxes de beneficio que reporta un servizo que, segundo remarcan, "non xera actividade empresarial" máis aló das achegas económicas das administracións.

Así o explicaron nunha rolda de prensa celebrada este venres en Santiago María José Fernández, Ximena González e Anxos Poyán, esta última, traballadora do SAF de Chantada recentemente despedida xunto a outra compañeira por razóns de "baixo rendemento" tras permanecer meses de baixa laboral. En apoio a estas dúas traballadoras e a outro seis exempleadas do SAF de Ourense tamén despedidas recentemente foron convocadas dúas manifestacións o vindeiro sábado 22 de maio.

Nelas, reclamarán a readmisión das despedidas e pedirán a apertura dun debate sobre o modelo do servizo de axuda no fogar que, segundo advirten, camiña cara á "xeneralización" da concesión do contrato de servizos que, en ocasións, asumen empresas "alleas" ao sector dos coidados, como construtoras ou grandes multinacionais.

Así, denuncian que a introdución das empresas privadas que entenden o servizo "como un negocio" supuxo unha "precarización" das condicións laborais, cunha redución nas horas traballadas e falta de medios materiais e humanos; o que tamén se traduce no "empeoramento" da atención ás persoas, na súa maioría maiores e cun grao alto de dependencia. Segundo explicou Ximena González, na actualidade existen tres modalidades na prestación dos servizos de axuda no fogar, compentencia que recae nas administracións locais.

A asunción directa polos concellos é unha deste tres modalidades, aínda que os últimos anos, incidiu, os servizos foron convocados para a súa prestación por empresas privadas, que ben o realizan na súa totalidade ou en parte. Sobre este último modelo, a plataforma sinala que na prestación do servizo "unhas horas son públicas" e as outras están "privatizadas", aínda que as condicións laborais parorasa as traballad "son absolutamente diferentes" entre as que están vinculadas ao concello e as que o fan á concesionaria.

Neste sentido, sosteñen que existe unha diminución na calidade do servizo prestado e nas condicións laborais que, segundo o colectivo, responde a que o SAF é entendido como "un negocio" para as empresas que entran no sector "a lucrarse".

"O mesmo diñeiro que as administracións destinan hoxe a financiar os servizos, se quitásemos o beneficio que obteñen as concesionarias, serviría para mellorar a atención das persoas e as condicións das traballadoras", remarcou Ximena González, que, en boca da plataforma, reclamou a apertura do debate sobre a remunicipalización do SAF. Todo iso, din, sen que os concellos e a administración autonómica cumpran co seu labor de control sobre a prestación dos servizos por parte das concesionarias.

"INVISIBILIZADAS"

Así as cousas, os traballadores din sentirse "invisibilizadas" como, ao seu xuízo, demostra que ao longo da pandemia e a pesar de contar coa consideración de servizo esencial, "non se recoñeceu" o contaxio por covid como enfermidade ou tiveron que desempeñar as súas tarefas con "escaseza" de EPIs e, en ocasións, con máscaras e batas "defectuosas".

"Algunhas compañeiras tiveron que ir traballar con batas do Prestige e máscaras de ir a sulfatar", denunciou María José Fernández, que fixo fincapé en que o convenio do sector está "obsoleto" e é preciso renovalo. Outro dos aspectos que ven necesario abordar é a "separación" entre os servizos de limpeza e a atención ás persoas ou a reconsideración das bases de cotización e que se aplique o cociente reductor polo desgaste físico e psicolóxico ao que deben facer fronte estas traballadoras.

Rolda de prensa da plataforma SAF Galiza no CSC de Vite,  Santiago
Rolda de prensa da plataforma SAF Galiza no CSC de Vite, Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta