Os celadores do Hospital do Salnés denuncian a privatización do servizo de información e do control de acceso

Lembran que esas funcións "son propias da categoría de celador".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/05/2021 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

O persoal de celadores do Hospital do Salnés denuncia "a política de privatización" das funcións propias inherentes á súa categoría que está a levar a cabo a xerencia da Estrutura de Xestión Integrada (EOXI) "co amparo do Sergas".

Protesta de celedores do Hospital do Salnés
Protesta de celedores do Hospital do Salnés | Fonte: Europa Press

Os celadores levaron a cabo unha concentración silenciosa ás portas do centro sanitario para manifestar a súa desconformidade coa privatización dos postos de información e o control de accesos ao hospital.

"Estas funcións son propias da categoría de celador, tal e como figura no Estatuto de Persoal non Sanitario", indican. A privatización destes postos de traballo, engade o colectivo de celadores, supón un incremento do gasto de diñeiro público e un menoscabo das súas funcións.

"Esiximos que non se use o erario público para untar empresas privadas e favorecer intereses económicos particulares, cando a Administración ten traballadores capacitados e facultados para a realización deses labores, como son os celadores", sinalan.

O colectivo de celadores asegura non entender que se contrate unha empresa privada de seguridade para controlar os accesos de visitantes e usuarios ao hospital, cando esta é unha función propia do celador e sairía moito máis barata se fose realizada polo propio persoal do Sergas en lugar de por unha empresa privada externa.

Os celadores tamén quixeron pór de manifesto as carencias que sofre no número de efectivos da categoría para o desempeño dos seus labores diarios. Algo que, segundo indicaron os seus portavoces, "obríganos a traballar en varios servizos durante o mesmo quenda".

O persoal solicita que os 11 celadores que foron contratados como un "reforzo" como consecuencia das crises da covid pasen a converterse en "prazas estruturais".

Segundo explican, o que o Sergas entende como un reforzo, en realidade non o é, "xa que consideramos que debería ser o habitual en condicións óptimas de traballo, non no medio dunha pandemia".

Ademais da concentración levada a cabo hoxe venres, os celadores do Hospital do Salnés solicitaron senllas reunións coa dirección de Enfermaría e coa de Recursos Humanos do EOXI de Pontevedra e O Salnés a fin de facerlles chegar as súas reclamacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta