A primeira na fronte, NCG: “Terá novo dono a mediados de novembro”, segundo o director xeral do FROB. Sexa quen sexa o afortunado -¿Santander, BBVA, Caixabank, Guggenheim/Castellano?-, a venda de saldo significa a liquidación definitiva e irreversible do sistema financeiro galego. A comisión do Parlamento pasou sen pena nin gloria; a Audiencia Nacional imputa a Moreda e outros tres ilustres exconselleiros cegos, mudos e xordos. Este saqueo do aforro galego é algo tan grave que estraña non se produza unha toma da Bastilla, cos preferentistas e o pobo asaltando caixeiros e sucursais.
A segunda na boca, PEMEX: a resposta está no vento. Un flotel é un hotel flotante cuxa construción encargase mediante contratos así mesmo “flotantes”. O presidente Feijoo reafirmou outra vez a semana pasada ante o Parlamento que “hai contratos asinados entre PMI, Navantia e Barreiras e seguimos traballando para que se inicie o corte de chapa este outono”. Pronto saberemos si Feijoo é Pinocho ou non, pois xa é outono no Corte de Chapa Inglés: veremos si chega a Ferrol.
As noticias que veñen desde México son outras. En outubro de 2012, El Universal titulou: “Galicia asegura que xa ten asinados contratos con PEMEX”. Ao parecer, Pemex-PMI, Navantia e Barreiras asinaron os presuntos contratos que a sociedade galega e o Parlamento aínda non coñecen: dous hoteis flotantes de 131 m. de eslora, “cuxa construción comezará de xeito inminente”. Pasou un ano, ¿por que este atraso? Lean a opinión do analista mexicano Alberto Barranco: “O problema é que na présa por lanzar o pial, esqueceuse o director xeral de PEMEX un pequeno detalliño: lanzar a convocatoria para unha licitación internacional”.
Os negocios entre compañeiros de viaxe política non están ben vistos no comercio internacional, extraordinariamente complexo. PEMEX é unha empresa pública, a primeira de México, e, aínda que seguramente non sexa tan transparente como a Xunta de Galicia, ata Feijoo sabe que os contratos públicos non se adxudican a dedo. O proceso segue aberto: mal asunto si o naval de Vigo e Ferrol penden deste fío flotante.
A terceira no peito, Pescanova: Posiblemente en novembro saberemos si entra no cárcere alguén do núcleo duro de Pescanova, con Manuel Fernández de Sousa á fronte. Sousa ten tódalas papeletas para o premio gordo e Feijoo, bo amigo seu e valedor da piscifactoría ilegal de cabo Touriñán, non musitou ate agora unha soa verba de reproche a ese ilustre empresario modelo. Un verdadeiro patriota fiscal que ten saqueado Pescanova durante anos, creando unha estafa piramidal de 3.650 MM., e un buraco de 2.000 MM, posiblemente desviados a paraísos fiscais en Illas Virxes ou Panamá. Ao fritir dos conxelados, será o rir, señor Presidente. E centos de traballadores en Chapela e en toda Galicia viven xa coa angustia dun ERE en cernes. En Monte Pío, nin pío.
Vésperas de san Martiño, tempo de magostos e de matanzas, revolvan o refraneiro: maldito bimestre, que comeza en tódolos santos e remata cos Inocentes. @Tornarratos