Por Xurxo Salgado | Compostela | 07/11/2013 | Actualizada ás 20:42
O debate sobre a necesidade ou non de manter as corporacións de radio e televisións autonómicas está agora na rúa tras a decisión da Generalitat valenciana de pechar a Radiotelevisió Valenciana (RTVV). E a esta situación non é allea Galicia.
Precisamente, e preguntado por esta cuestión na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente da Xunta, aínda que defendeu a solvencia, as contas e a programación da CRTVG, non dubidou en suliñar que, a pesar de estar recollido no Estatuto a necesidade de ter uns medios públicos en galego, el tamén pecharía este ente se estivera na mesma situación que o de Valencia.
"Se eu teño unha televisión con 1.200 millóns de deuda e cunha caída importante de audiencia pois faría o mesmo que fixo Fabra --presidente da Generalitat valenciana--", suliñou. E aínda que lamentou o peche da RTVV, "porque dá emprego a moita xente", defendeu a medida pola situación deficitaria da mesma. "Foi unha decisión difícil pero tomada polas deudas que ten a compañía e unha caída importante da publicidade", dixo. "Se se tomou esa decisión é porque a Generalitat entende que é a mellor para a autonomía", engadiu.
En todo caso, quixo salientar que esa non é a situación actual da CRTVG da que dixo que "é solvente e ten audiencia, algo que non tiña a RTVV". "Ter unha televisión e unha radio en galego é unha aposta pola cultura e pola nosa língua", dixo tras insistir os xornalistas no papel se servizo público da CRTVG. "Pero se ademais esa televisión e radio se fai con eficiencia e rigor e os cidadáns a ven e a escoitan pois non vai pasar nada", insistiu ao tempo que aclarou que, en todo caso, os medios públicos, teñen que estar suxeitos aos orzamentos da Xunta e ao "rigor orzamentario".
Con todo, o presidente galego quixo deixar claro que a CRTVG ten menos coste que a RTVV, é máis solvente e ten máis audiencia, a pesar de ter un 28% menos de orzamentos e a metade dos traballadores que tiña a televisión valenciana. "Mentras hai motivos de eficiciencia e se ve e escoita pois manteremos este servizo público para a comunidade", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.