Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/06/2021 | Actualizada ás 15:10
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou que a inmensa maioría dos vacinados inicialmente con AstraZeneca pediron a segunda dose. Concretamente, máis do 90%, unha decisión que é común en todas as áreas sanitarias galegas.
A Xunta foi unha das autonomías que recomendou a vacinación coa segunda dose de AstraZeneca, a pesar de que desde o Goberno central, se recomendou facelo con outro vial diferente, ben Phizer ou ben Moderna. Con todo, e segundo apuntou Feijóo a gran maioría dos galegos apostou por AstraZeneca.
VACINACIÓN COLECTIVO DE 40 A 49
Por outra banda, a vacinación do colectivo entre 49 e 40 anos empezará este domingo na área de Santiago de Compostela. A inmunización deste grupo de idade está programada, de forma xeral, a partir do 7 de xuño. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o mandatario autonómico lembrou que para este colectivo, ademais de Pfizer e de Moderna, vén de ser autorizada a vacina de Janssen, polo que aos que lles corresponda esta dose quedarán inmunizados xa coa pauta completa ao recibir a inxección. Desta marca, Galicia recibe 14.000 doses á semana.
Precisamente, e preguntado sobre esta vacina, Feijóo dixo que en función das doses que reciba Galicia poderase ampliar a poboación diana, pero que, polo momento, as unidades que están chegando "son as que son".
A Comunidade galega "bordea" o 30 por cento da poboación inmunizada coa pauta completa e roza o 52 por cento coa menos unha dose. Esta semana, precisou tamén o presidente da Xunta, serán administradas 210.000 dose, das cales 120.000 son primeiras doses. Ademais, este fin de semana prevese finalizar coa administración da vacina ao colectivo entre 50 e 59 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.