Que pasou coa promesa electoral de Feijóo de considerar unha familia numerosa a partir do segundo fillo?

O presidente galego di que agardará a que pase a crise da Covid e a "ver as políticas demográficas" do Goberno central para tomar unha decisión.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/06/2021 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

Considerar unha familia numerosa aquela que teña dous ou máis fillos. Era unha das promesas estrelas de Feijóo na campaña electoral do pasado verán. Unha promesa que, polo momento vai quedar en promesa, a pesar de que o presidente da xunta presentou este mércores a súas novas políticas para este colectivo no que, polo momento, seguirán as unidades familiares con tres fillos ou máis.

Un carriño de bebé. Europa Press - Archivo
Un carriño de bebé. Europa Press - Archivo

"Non renunciamos a considerar como familia numerosa aquela que teña máis de dous fillos pero agora non é o momento para facelo", dixo Alberto Núñez Feijóo preguntado ao respecto na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Os argumentos empregados: o impacto da covid e as políticas demográficas do Goberno central.

Así, o presidente galego dixo que a Xunta agardará a coñecer a evolución da covid en Galicia e, especialmente, o seu impacto económico. "Esperaremos a ver como diminúe o gasto de servizos públicos e avaliaremos esta medida", dixo. Ademais, indicou que tamén quere ver "como será a política demográfica do Goberno central" para adoptar unha decisión definitiva.

AXUDAS

Polo momento, nos novos incentivos fiscais que aprobará a Xunta só están 26.800 familias, que son aquelas que teñen máis de tres fillos, para as que se destinarán 48 millóns de euros entre 2021 e 2023. Este novo plan da Xunta recolle case 50 medidas, entre as que destaca a gratuidade das matriculas universitarias, descontos en actividades de ocio e lecer, en comedores, transporte público, vivenda ou facturas eléctricas.

Tamén se recollen medidas de redución da xornada laboral o incremento da tarxeta benvida con ata 200 euros, así como facilitar o retorno de familias emigrantes, redución de taxas a opositores ou descontos nas autoestradas autonómicas.

BONO ALUGUEIRO

Por outra banda, o Consello da Xunta deu luz verde este mércores ao acordo polo que se autoriza a ampliación de fondos do Bono Alugueiro Social ata chegar aos 4,4 millóns de euros este ano. O Executivo autonómico sinalou que se trata dunha liña de subvencións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que foi convocada en xaneiro e que, tal e como se comprometeu, amplía o seu crédito en case 1,5 millóns; unha contía que se suma aos 1,4 millóns das axudas complementarias.

Con esta axuda, a Xunta facilita o acceso e o mantemento dunha vivenda en réxime de aluguer a aqueles colectivos con maiores dificultades económicas. A través desta convocatoria xa se concederon 112 novas axudas, a totalidade das solicitudes que cumprían os requisitos que se establecen na orde.

COMEDOR DO CENTRO DE EDUCACIÓN ESPECIAL DE PONTEVEDRA

Por outra banda, na súa reunión semanal, o Goberno galego tamén deu luz verde ao convenio de colaboración entre a Consellería deCultura, Educación e Universidade e a Deputación Provincial de Pontevedra a través do cal a Xunta financia con 20.000 euros o funcionamento do servizo de comedor escolar do Centro de Educación Especial Pontevedra (antigo CEE Príncipe Felipe) da cidade do Lérez para o próximo curso

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta