En primeiro lugar, que a sentenza tardase exactamente once anos (o desastre provocado polo Prestige aconteceu en novembro de 2002) é un escándalo polo que debían esixirse responsabilidades e rodar as cabezas, agora que está de moda a retroactividade, dos ministros de xustiza Michavila, López Aguilar, Bermejo, Caamaño e Gallardón; así como dos presidentes do CGPJ, Hernando e Dívar nesa década negra, dada a súa recoñecida inutilidade na mellora e axilización da xustiza. A xustiza tardía non é xustiza e eles son os responsables directos deste desaguisado.
En segundo lugar, ¿que disparate é ese dos macroprocesos e os macrosumarios? O sumario do Prestige acumula 300.000 folios: ningún membro do tribunal o leu íntegro, nin a cachos, porque é humanamente imposible. Ler un folio (só ler, non digamos tomar notas, apuntar, analizar, contrastar, reflexionar) leva dous minutos, fagan a proba. Trescentos mil folios, seiscentos mil minutos: 10.000 horas; a 10 horas diarias de lectura ininterrompida, que xa lle chega, son 1.000 días, case tres anos lendo o sumario sen parar, sen facer outra cousa, sábados, domingo e festivos: ¡váianse ao corno coas súas tomaduras de pelo!
Os xuíces Pía, Sanz e Crego non leron o sumario: foron designados para o tribunal do Prestige o 22 de marzo de 2012 e o xuízo comezou o 16 de outubro: ¿estudaron os 300.000 folios en seis meses? Que fenómenos! Ninguén se leu o sumario, porque a esencia deste golpe baixo á xustiza era precisamente construír un teatriño formal en torno á nada, ao baleiro de responsabilidades. Aparcaron o sumario durante dez anos no pequeno xulgado de Corcubión, desbordado de principio a fin, que en 2005 inculpou a armadora do Prestige e embargou os seus bens, sen que ningún dos sucesivos ministros inútiles resolvese de verdade, e non con fotos electorais, a súa precariedade de medios: se é o preito máis voluminoso da historia xudicial española, debía ter sido o xulgado máis e mellor dotado de medios de todo o país.
En terceiro lugar, fixo falta expulsar o maxistrado Judel e os xuíces incómodos, contaminados na instrución e conformar un tribunal á medida, todo moi legal, ao xeito de Gila: ninguén poderá demostrar que "alguén chamou a alguén". ¡Veña! facemos o sumario máis monstruoso da historia e dicimos que estamos a facer xustiza. ¡Veña! que a Xunta de Galicia provea pasta fresca para un macroxuízo espectacular, que haxa ruído e balbordo, e moita prensa, que se vexa que transparentes somos. Un xogo sofisticado de espellos deformantes para chegar ao esperpento desta Xustiza formalista, ensimesmada, disparatada, desprestixiada, moi lonxe da sociedade.
O asunto do Prestige debeu resolverse nos seis meses seguintes, con indemnizacións inmediatas, como acontece en EUA, en Canadá, en Francia e nos países que non xogan co futuro dos seus fillos. Non facían falta 300.000 folios en papel que ninguén lerá xamais, senón un tribunal rápido e xusto, e a ser posible con certa sensibilidade social. En novembro de 2002 levei as miñas fillas de catro e dous anos ata Corcubión e alí choramos abrazados aos voluntarios de Nunca máis, vendo o horror da marea negra. ¿Como explicarlles agora que ninguén tivo a culpa daquilo e ninguén pagará as consecuencias? ¿Como llelo explicarán aos seus fillos e netos as súas señorías? @Tornarratos