Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 04/06/2021 | Actualizada ás 14:45
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, celebrou que as causas xudiciais do que fora líder do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, "estean a despexarse".
"Hai que respectar todas as decisións xudiciais, as perspectivas que temos parece que se están despexando neste caso e eu alégrome moito", dixo o secretario xeral do PSdeG.
En concreto, na xornada do xoves coñeceuse o arquivo da causa na que se investigaba o que fora xefe de protocolo da Deputación de Lugo, Juan Carlos Fernández Pulpeiro, por un suposto delito acoso laboral a unha funcionaria.
Esta peza deu orixe á 'Operación Polbo' sobre irregularidades na institución provincial, a última causa na que o que fora líder do PSdeG e presidente desta institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, figura como investigado.
MENSAXE A FEIJÓO
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, emprazou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a rebaixar o nivel de tensión durante a desescalada e criticou que estea "sempre tensionando".
"Non pode estar sempre tensionando, cando o estado de alarma estaba contra o estado de alarma, cando non era necesario pedíao e dicía que ía chegar a un caos", asegurou en declaracións aos medios este venres na Coruña.
Nun contexto no que a Xunta volveu a mostrar o seu rexeitamento ás medidas do Goberno central, neste caso en relación ao documento sobre a desescalada na hostalaría e lecer nocturno presentado polo Goberno no Consello Interterritorial de Saíde, o líder dos socialistas considera que "ese pulso non xera ningún beneficio aos galegos e ás galegas".
Para Caballero, o Goberno autonómico "ten marxe de acordos de cogobernanza para tomar medidas". Neste proceso de desescalada, cre que a Xunta "pode tomar medidas menos restritivas", que permitan abrir as cafetarías e os bares ata a 1 da mañá.
"Pódeo facer co apoio do comité clínico pero prefire tensionar pedindo máis apertura no canto de xestionar a marxe de responsabilidades que pode ter neste momento", dixo. Caballero pensa que "a estratexia de tensión permanente de Núñez Feijóo non conduce a ningún lugar" polo que pide ao presidente da Xunta "responsabilidade, cooperación e a procura de solucións co diálogo".
O líder dos socialistas galegos cre que Feijóo "se debería mirar ao espello" cando fala de tensións e ameazas. "Que se poñan a colaborar, que recoñezan que se equivocaron cando non querían o estado de alarma, que erraron ao querer impolo e que recoñeza que agora mesmo pode permitir que a hostalaría de Galicia abra ata a 1 como a de Asturias", asegurou.
O secretario xeral do PSdeG mostrouse partidario do modelo de xestión asturiano "porque fortalece a sanidade e permite que a hostalaría estea aberta sen que haxa maiores riscos". "Iso pedímoslle a Feijóo, que fortaleza a sanidade pública e que xestione as competencias da Xunta con lealdade e responsabilidade", finalizou.
VULNERABLES
Por outro lado, Caballero instou a Xunta a promover todos os programas que sirvan para protexer os máis vulnerables e, en concreto, a facer "compatible" a Risga e o Ingreso Mínimo Vital.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.