Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2025 | Actualizada ás 16:16
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, mostrouse disposto a mellorar os medios contra o narcotráfico, que xa son "razoablemente sofisticados" e con investimentos "moi relevantes" nese ámbito. Así o expuxo nunha entrevista na Cadena Ser, recollida por Europa Press, na que apuntou que el "non diría" que Galicia volve ser o epicentro do narcotráfico en España como podía ocorrer na década dos 80 e 90.
Consultado sobre iniciar un plan especial para a loita contra o crime organizado, Marlaska asegurou que tanto en Galicia, como no resto de España, xa existen eses plans e correspóndense co "incremento" de medios persoais, materiais e na coordinación e cooperación internacional. No que vai de ano en Galicia rexistráronse varios operativos policiais contra o narcotráfico e constatouse a presenza de organizacións criminais con integrantes dos Balcáns, como foi o caso dos detidos en Vilanova de Arousa mentres descargaban a cocaína directamente na costa.
Ante isto, o ministro sinalou que esas novas bandas é unha "realidade á que fan fronte" e, por iso, dentro a Unión Europea teñen conexión cos países dos Balcáns e Latinoamérica, co obxectivo de ser máis eficaces. Con todo, a dificultade de combater o narcotráfico non se debe á chegada de bandas doutros países senón que radica en que os medios utilizados polas organizacións criminais son cada vez "máis sofisticados". Desta forma, subliñou que os diferentes gobernos ocúpanse "e preocupan" de ter os medios necesarios e precisos en cada momento para facer fronte a esas estruturas que os criminais actualizan segundo os medios dos que dispoñan.
ADUANAS NA COSTA DA MORTE
A finais do mes de xaneiro localizouse un narcosubmarino en augas de Camariñas. Por mor diso, os alcaldes da zona solicitaron a creación dunha base de Aduanas na Costa da Morte. Ante a creación desa base, Marlaska afirmou que "todas as posibilidades caben" nesa procura de ter máis medios e máis medidas de seguridade na loita contra o narcotráfico. Neste sentido, consultado sobre se faltan medios para localizar este tipo de semisumerxibles e os seus plans para mellorar os equipos de vixilancia, Marlaska afirmou que "sempre está no seu horizonte" o mellorar en todos os medios que xa son "razoablemente sofisticados". O titular de Interior do Goberno de España apuntou que é "moi difícil conseguir" que non entre "nin un gramo de cocaína", pero deben "pór coto" a que esa introdución de sustancias estupefacientes "sexa máis difícil e as cantidades sexan menores".
MÁIS MEDIOS EN GALICIA
A continuación, consultado sobre aumentar os medios en Galicia, o ministro remarcou que "o levan facendo" durante case sete anos e non só na comunidade galega, senón en "todas as zonas de España". "Non é que esteamos dispostos a facelo a partir de agora, é que levamos sete anos facéndoo con investimentos importantes en medios, en persoal", asegurou. Sobre o caso concreto da comisaría de Santiago para subir o rango, Marlaska asegurou que "se está estudando" e "non descarta absolutamente nada", pero o importantes é que todas as localidades teñan os axentes que se require.
PETICIÓNS DE ASILO
Noutra orde de asuntos, consultado sobre os trámites para as peticións de asilo, explicou que nos últimos 10 anos as peticións de asilo incrementáronse nun 3.500 %. O pasado ano, lembrou, alcanzáronse os 163.000 expedientes, un dato que en Europa só supera Alemaña. "Melloramos a estrutura de persoal e tamén todas as estruturas de medios materiais, tecnolóxicos da oficina de asilo e refuxio e estamos a dar unha resposta razoablemente adecuada", esgrimiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.