Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2021 | Actualizada ás 17:18
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron este luns o novo convenio de colaboración por importe de 100.000 euros para completar o financiamento de 80 bolsas que se destinarán a participantes no programa comunitario Erasmus+, mentres que os 20 restantes irán dirixidas a outras iniciativas de mobilidade internacional da institución académica con países extracomunitarios.
Desde o ano 2015 mantense esta colaboración cuxa importancia subliñou Carmela Silva "neste mundo global poder enriquecerte estudando noutros países é moi relevante na formación da mocidade, xa que permite configurar mentes máis abertas e mellores cidadáns".
Manuel Reigosa, pola súa banda, asegurou estar "en total sintonía" coa presidenta provincial en canto a que "este programa é fundamental para construír unha Europa mellor e un futuro mellor, máis comprensivo e igualitario".
"É dos mellores investimentos que temos en marcha, porque estamos a falar de construír a formación, as mentes que van dirixir o mundo", insistiu Carmela Silva. Mentres, o reitor da Universidade de Vigo asinou no libro de honras da Deputación de Pontevedra onde deixou escrito o seu agradecemento á institución polo apoio á universidade ao asegurar que "xuntos somos máis fortes".
O convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo para a promoción da mobilidade internacional do seu alumnado terá vixencia ata o 31 de novembro de 2022. En total, ata agora o investimento da Deputación a través dos convenios asinados coa UVigo para a promoción da mobilidade internacional do seu alumnado foi de 550.000 euros e beneficiáronse 547 mozos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.