O historiador Anxo Rekalde propón no seu magnífico libro “Eloxio da Toscana” (Nabarralde) a creación dun Ministerio da Convivencia, tan necesario. Engado a petición dun Ministerio da Felicidade que substitúa directamente ao de Economía e envíe a Guindos ao paro, sen odio, como diría o mago Tamariz, ¡é por rir!
Fai días compartín esta lectura emocional da vida mesma, que reclamo para o ámbito do parlamento e a política, cun nutrido grupo de psicólogos clínicos, reunidos no mosteiro de Santa Catalina de Montefaro para falar da ausencia. Montefaro é un miradoiro único sobre ría de Ferrol, entre Ares e Mugardos, con restos de baterías militares que protexían a enseada, hoxe tan inútiles como un móbil de primeira xeración, pero pateticamente tristes e fermosas baixo a choiva. A garita abandonada e solitaria que avanza o seu ollo de pedra sobre o acantilado representa a soidade en estado puro, granítico.
En Galicia escribíronse páxinas estoxadizas sobre a morriña e a saudade, dous eufemismos que evitan chamar á ausencia polo seu verdadeiro nome. Os psicólogos clínicos non traballan nas súas consultas os síntomas da morriña, senón o naufraxio emocional dos ausentes: mariñeiros secuestrados por un sistema de traballo cruel, semiesclavista, emigrantes expulsados da súa terra e da súa entraña familiar pola necesidade ou a pobreza. Analizamos xuntos as vidas rotas das xentes de mar, que sofren tres tipos de ausencia: a dos homes, desaparecidos durante meses, anos, vidas enteiras; a das súas mulleres en terra: nais, esposas, viúvas, fillas; e a ausencia terrible duns e outras no reencontro imposible. Vidas rotas pola incomunicación compartida.
A ausencia dos condenados a remar, como xudeus errantes, deixa un rastro de soidade, depresión, alcoholismo, suicidio e toda unha psicopatoloxía do retorno instalada na vida galega diríase cunha naturalidade que estremece. Como estremecen as vidas rotas de tantos emigrantes, agora de novo milleiros de mozos atrapados nun presente sen futuro: son, á forza, Españois parados polo mundo, ou Galegos pobres polo mundo. Os ricos non emigran, viaxan.
¡Que pouco se fala destas cuestións nos parlamentos, nos estados maiores dos partidos, nas mesas do consello da Xunta ou do consello de ministros! Cunha sanidade pública, a mellor do mundo mundial, reducida cada día máis a datos de ordenador, etiquetas e pegatinas, ¿quen se ocupa das familias fragmentadas en anacos?, rotas como as conversacións por radio desde o barco: frases entrecortadas, cargadas de emoción, seguidas de interminables silencios.
É algo máis serio que a morriña: é a perda de ti mesmo en vida, a ausencia forzosa de bicos, caricias, abrazos. Mariñeiros de aceiro, brandos como patacas, xogando a ensaiar abrazos imposibles, a través dos grosos e sucios xerseis de la, atopando sen querer a suavidade das barbas crecidas na marea. As psicólogas e psicólogos clínicos de Galicia, reunidos en torno á garita solitaria de Montefaro, saben que necesitamos urxentemente un Ministerio da Ausencia e os Ausentes. @Tornarratos
Link as Xornadas de Psicoloxía Clínica do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia: