Por Europa Press / Redacción | MADRID | 09/06/2021 | Actualizada ás 12:02
A ministra de Educación e FP, Isabel Celaá, asegurou este mércores que as diferenzas que existen entre as comunidades autónomas na realización e acceso á EBAU atenden á normativa actual e teñen a "confianza dos profesionais" que son os que determinaron "que eses alumnos poden ir" á proba "coa titulación adquirida" tras o ano de pandemia.
Celaá fixo estas declaracións na sesión de control ao Goberno do Congreso, e en resposta a unha pregunta formulada polo deputado de Vox Joaquín Carballos, sobre o feito de que, este ano, en nove CCAA os alumnos poidan realizar a proba de acceso á universidade con ata 2 materias suspensas, mentres no resto de rexións han de ter todo aprobado.
Para o representante do partido de Santiago Abascal esta situación supón "unha vulneración absoluta" do artigo 14 da Constitución, que recolle a igualdade dos españois. Ademais, denuncia que tamén se incumpre co principio de equidade permitindo que as probas sexan diferentes en cada territorio, tendo en conta, apuntou, que o distrito universitario é único. Ao seu xuízo, ampararse na excepcionalidade da situación de pandemia vivida durante o curso non é viable porque, indicou, as consecuencias do Covid-19 afectaron a todo o país.
A ministra chamou a Carballos a "asumir as consecuencias dun Estado autonómico" como España e onde as probas da EBAU teñen unha parte que determina o Goberno e outra que é asumida polas comunidades que "son as que teñen competencia curricular". Ademais, explicou que a proba deste ano está rexida, aínda, pola normativa "que estableceu o Goberno precedente", xa que a LOMLOE non entrará en vigor ata o curso que vén. De maneira que, indicou Celaá, a EBAU que se está celebrando na actualidade está regulada polo real decreto de 2016.
HOMOXENEIZACIÓN
Esta mesma semana, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta e deputado autonómico do PPdeG, Román Rodríguez, reuniuse con parlamentarios do Grupo Popular no Congreso para, entre outras cuestións, reclamar medidas correctoras para "terminar dunha vez por todas coa discriminación nas probas de acceso á universidade".
Rodriguez referiuse á circunstancia dalgunhas comunidades nas que non se esixe ter todas as materias de bacharelato aprobadas para presentarse á ABAU. Isto, segundo indicou, significa unha "discriminación" fronte ás autonomías como Galicia, nas que si é necesario conseguir o aprobado. "Non se trata de substituír un modelo por outro, senón que sería interesante apostar por unha homoxeneización e estandarización que se pode conseguir por diversas vías", apuntou para pór en valor o modelo galego que "está a funcionar cun notable éxito como o avalan os datos PISA".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.