Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2021 | Actualizada ás 12:34
Continúa a folga do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Os traballadores desta entidade dependente da Xunta de Galicia celebraron na xornada do martes 8 o seu oitavo día consecutivo de mobilizacións, que segundo a formación convocante --CNT-- rexistrou un novo incremento da mobilización até se situar “arredor do 50%” dos empregados en fraude de lei.
O sindicato salienta así que o seguimento da folga e as protestas "está indo a máis" co paso das xornadas. No último dos días con mobilizacións, as protestas arrincaron ás 12h ante o Parlamento de Galicia, onde acudiron a presentar “máis de 7000 sinaturas de apoio” á situación destes traballadores e para demandar á Xunta e a xerencia do consorcio que “senten a negociar” para buscar unha solución pactada.
A delegación do sindicato aproveitou a ocasión para achegar o apoio recibido e as reivindicacións aos grupos parlamentares. Deste xeito puido comprobarse que non “hai novidades nos posicionamentos políticos”, continuando co “tépedo apoio no que está instalada a oposición de BNG e PSOE, e o sorprendente ofrecemento de diálogo do PP que non se materializa na práctica”.
A DIFÍCIL SAÍDA
Galicia Confidencial recolleu semanas atrás a situacións destes traballadores, que malia estar ao cargo da administración encadean contratos temporais en situación de interinidade máis alá do que permite a propia regulación laboral. A difícil saída a esta situación, tamén analizada por este xornal, pasa pola disxuntiva oposición-fixeza; é dicir, se deben ou non desenvolver unha proba para quedar coas prazas que levan anos desempeñando. As mobilizacións continuarán o vindeiro día 13.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.