Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2021 | Actualizada ás 10:16
A eclipse de Sol deste xoves 10 de xuño poderá verse en Galicia a partir das 10,49 horas. A primeira zona da xeografía galega onde o fenómero será visible é a costa da Coruña, aínda que a diferenza a outros puntos como Ourense será de apenas un minuto.
Así, a eclipse parcial será visible no norte de Norteamérica, Europa e Asia. Iniciarase no océano Atlántico, a unha latitude de 23º, e terminará ao sueste de Kumul, na rexión autónoma de Sinkiang (China). A duración total do fenómeno será de 299 minutos (case 5 horas).
Trátase dunha eclipse anular, pois a Lúa estará próxima á súa posición máis afastada da Terra e non tapará por completo o Sol. Deste xeito, darase só nunha banda de territorio que vai de Canada a Groenlandia, o Mar Ártico e o extremo oriental de Siberia.
"Fóra desa zona, a eclipse será parcial e a Lúa ocultará tanto menos o Sol, canto máis nos afastemos desa zona", explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María María da USC, José Ángel Docobo.
Así, na Coruña verase a eclipse parcial a partir das 10,49 horas. Case unha hora despois, ás 11,44 horas, alcanzará o seu punto máximo (13%) e concluirá 59 minutos despois, ás 12,43 horas. No resto de Galicia, os horarios serán similares. Por exemplo, en Ourense empezará ás 10,50 horas, chegará ao máximo ás 11,42 (11%) e terminará ás 12,39 horas.
De feito, a costa herculina será o punto da península ibérica onde o fenómeno será máis perceptible. Terá unha magnitude (fracción do diámetro solar ocultado pola Lúa) de 0,2 na costa noroeste (A Coruña), mentres que no interior e nordés da península será de 0,1 salvo no sueste, nas illas Baleares e nas illas Canarias.
As últimas eclipses parciais de Sol observadas en España producíronse en 2015 e 2017, mentres que en 2005 puido observarse de forma completa unha eclipse anular. Dentro de cinco anos haberá a posibilidade de ver unha eclipse total na península e só medio ano despois, outra anular.
Con todo, Docobo advirte que é necesario seguir unhas medidas de seguridade para seguir o fenónemo, como non mirar o Sol sen protección, non empregar prismáticos ou telescopios. Así, recoméndase o uso de lentes especiais ou cristais de soldadura "de máxima protección" que, en todo caso, só deben servir para observar o fenómeno durante escasos segundos.
QUE É UNHA ECLIPSE SOLAR E POR QUE SE PRODUCE?
Unha eclipse de Sol é o fenómeno polo cal a luz do Sol é total ou parcialmente ocultada ao interporse un astro entre o Sol e o observador. Nas eclipses de Sol vistas desde a Terra, o astro que oculta o Sol é a Lúa.
Outro tipo común de eclipses é a eclipse anular. Estes danse cando o observador ve que o disco da Lúa non chega a cubrir o disco do Sol, aínda que os seus centros estean ben aliñados. Isto é debido a que a Lúa se atopa ese día máis lonxe da Terra que no caso dunha eclipse total, de modo que o seu disco vese máis pequeno que o do Sol. En tal caso obsérvase un anel brillante rodeando o disco lunar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.