Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2021 | Actualizada ás 11:57
As residencias galegas volven estar no punto de mira. Cos casos activos en mínimos históricos e a vacinación deste colectivo xa completada, segundo o Sergas, o foco vén de quedar posto nunha posible intoxicación alimentaria que afectaría a dous centros sociosanitarios da provincia de Ourense --comarca do Carballiño-- e que agora estarían a estudar as autoridades sanitarias galegas.
Así o vén de adiantar o servizo online de novas da TVG, que engade á conta de centros baixo sospeita un comedor escolar. En total, o caso de intoxicación alimenticia afectaría a un total de 35 persoas, das cales sete tiveron que ser trasladadas a urxencias e seis permanecen ingresadas no Hospital de Ourense. De acordo coas mesmas fontes, todas elas son usuarias das residencias de maiores das localidades do Carballiño e Leiro.
A afectación do comedor escolar explícase polo feito de que os tres centros reciben a comida desde a mesma empresa, cuxos responsables de control de calidade xa acudiron e este xoves desprazaranse os sanitarios para analizar as mostras de comida e determinar a orixe e características da intoxicación.
A intoxicación alimentaria en cuestión foi detectada este mércores logo de que algúns usuarios destas residencias presentasen vómitos e diarrea. Concretamente, o mércores unha ducia de persoas maiores de dúas residencias da comarca de Carballiño, unha do Concello de Leiro e outra do propio Concello de Carballiño, presentaban sintomatoloxía dixestiva relacionada cunha posible intoxicación alimentaria.
OPERATIVO
A área sanitaria puxo en marcha un operativo de asistencia para reforzar o persoal do Punto Atención Continuada do Carballiño e de Ribadavia e mobilizou persoal para a atención nos propios centros sociosanitarios tendo en conta que "por idade ou condición de saúde os residentes pódense ver máis afectados".
Ademais, o Sergas informou de que, fóra do sete pacientes atendidos no Servizo de Urxencias do CHUO, a maior parte dos afectados están a ser atendidos directamente nos seus centros e de forma ambulatoria no Punto de Atención Continuada de Carballiño, onde acudiron máis dunha ducia de afectados. O plan de seguimento para determinar a orixe e as características da intoxicación púxose en marcha en coordinación cos servizos de Saúde Pública de Medicina Preventiva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.