WWF esixe o peche urxente de todas as granxas de visóns en Galicia tras detectarse un novo gromo de covid-19

"O risco de gromos en Galicia é extremo porque a rexión concentra máis do 90% de todas as granxas de visón americano do país", advirte.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/06/2021 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

A organización WWF esixiu o peche urxente do "epicentro galego das granxas de visión" tras detectarse o terceiro gromo de SARS-CoV-2 nunha explotación de Galicia desde o inicio da pandemia. Para iso, insta á Xunta a pór en marcha, en colaboración co Goberno de España, "un programa para o peche de todas as granxas de Galicia, en cumprimento da normativa vixente e considerando o risco que estas granxas supoñen para a saúde".

Granxa de visóns
Granxa de visóns | Fonte: WWF.

WWF asegura que "o risco de gromos en Galicia é extremo porque a rexión concentra máis do 90% de todas as granxas de visón americano do país", polo que pide o "fin urxente e inmediato destas explotacións".

Despois de coñecerse este último gromo nunha granxa de Carral, o terceiro despois dos rexistrados en explotacións da Baña e Santiago, WWF lembrou que "leva meses alertando" ás autoridades españolas do perigo que representan este tipo de granxas para a saúde e a biodiversidade.

"Pechar todas as granxas galegas é clave para acabar co risco de novos gromos de coronavirus e mutacións nestas explotacións porque esta comunidade autónoma alberga máis do 90% das granxas do país", incide a organización que cualifica de "inadmisible" que este tipo de explotacións poñan en risco "a recuperación da pandemia", "coa ameaza subxacente de que xurdan novas mutacións nestas granxas e unha propagación maior do virus".

Ademais, WWF chamou a atención sobre o "alto perigo de transmisibilidade" da Covid-19 de humanos a visóns e viceversa, "confirmada por varios organismos europeos", como o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC). "Isto xa foi suficiente para motivar o peche de centos de granxas de visóns ao longo de Europa. Con todo, en España aínda quedan 27 granxas peleteiras, 25 delas precisamente en Galicia", subliña.

"A aparición dun novo gromo nunha granxa de visón nun momento en que o número de casos de Covid-19 está a baixar pon de manifesto o risco que supoñen estas instalacións ao actuar como reservorios da enfermidade", avisa WWF, que asegura que "este risco é particularmente alto en granxas como algunhas de Carral, que se sitúan a menos de 100 metros das vivendas máis próximas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta