Rexeitan o peche de camas no verán e piden un "plan de choque" para diminuír as listas de espera

CCOO sinala que a listaxe de espera estrutural é dunhas 36.000 persoas, segundo datos oficiais, e podería chegar ás sesenta mil sumando a listaxe non estrutural

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/06/2021 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia rexeita o peche de camas de hospital durante o verán e insta o Sergas a acometer un "plan de choque" para reducir as listaxes de espera e os atrasos na atención por mor da covid-19. O sindicato tamén insiste na necesidade de reforzar con máis contratacións a atención primaria, porta de entrada ao sistema público. Segundo Comisións, esta problemática xa se daba antes da pandemia, pero a situación é agora "inasumible".

Novas camas de UCI habilitadas nun hospital para pacientes con coronavirus, COVID-19
Novas camas de UCI habilitadas nun hospital para pacientes con coronavirus, COVID-19 | Fonte: ASTURSALUD

Desde CCOO-Sanidade afirman "non entender" que as xerencias de áreas sanitarias como a de Vigo anuncien o peche de 135 camas —que se suman ás 120 xa pechadas no Hospital Meixoeiro—, 131 a da Coruña, 128 a de Lugo, 91 a de Santiago-Barbanza, 67 a de Pontevedra e 36 a de Ferrol.

Por iso, o sindicato esíxelle ao Sergas que manteña operativas todas camas hospitalarias no período estival, de xeito que se poida, nalgunha medida, paliar as "inxentes listaxes de espera" que padecen as galegas e galegos. Para o sindicato, os meses de verán, nos que se reduce a actividade e se prevé tamén unha mellora dos datos epidemiolóxicos, son "axeitados" para conseguir este obxectivo.

"Necesitamos todas as camas e os quirófanos funcionando de mañá e de tarde. É o momento de que a Xunta de Galicia amose o seu compromiso coa saúde pública, reforzando os cadros de persoal coa contratación de máis profesionais para atender a demanda asistencial", apuntan desde a Federación de Sanidade de CCOO.

Os datos do Sergas actualizados a decembro do 2020 —últimos dispoñibles— cifran en 35.817 doentes a listaxe de espera estrutural. Sumando a non estrutural —que a Administración non dá a coñecer—, podería superar as sesenta mil persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta