Por Galicia Confidencial | | 17/06/2021 | Actualizada ás 11:21
Galicia, xunto con Madrid e Andalucía, anunciaron que adiantan a segunda dose da vacina de AstraZeneca aos maiores de 60 anos, programada inicialmente 12 semanas despois da primeira picada. Deste xeito, Galicia vaino facer na semana 11.
O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, sinalou o luns que é "perfectamente válido" adiantar a segunda dose de AstraZeneca a maiores de 60, pero non pola variante delta, que por agora "non está a ocupar un espazo importante en España".
A variante delta, maioritaria nestes momentos en India e Reino Unido, representa en España menos do 1 por cento dos novos casos, mentres a alfa (británica) vai perdendo terreo e nalgunhas comunidades supón menos do 70 por cento, segundo o último informe do Ministerio de Sanidade sobre variantes.
En Galicia, as autoridades sanitarias explicaron que a decisión de adiantar a segunda dose de AstraZeneca non afectará os menores de 60 vacinados con este preparado (colectivo formado por profesións esenciais), para os que se ampliou o prazo para a segunda picada até as 16 semanas.
O adianto anúnciase cando os indicadores da campaña de vacinación indican que o grupo de idade entre os 60 e 69 anos vai con máis atraso que outros, como os maiores de 50 anos, que reciben vacinas que necesitan menos tempo de espera entre picadas (Pfizer e Moderna, que requiren 3 e 4 semanas respectivamente) ou son monodosis (Janssen).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.