Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/06/2021 | Actualizada ás 17:55
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu en esixir ao Goberno central a elaboración dun protocolo de desescalada para as máscaras e censurou que o presidente do Executivo, Pedro Sánchez, só apareza "cando hai que dar boas novas" e converta o que deberían ser anuncios sanitarios "en puramente políticos".
Paradoxalmente, a propia Xunta e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, viñan facendo chamamentos ao Goberno central para que acelerase a retirada das máscaras en exteriores.
Malia agradecer que se expoña o fin da máscara en exteriores, Rueda insistiu en que Galicia quere tomar esta medida como fai "sempre", é dicir, con "datos obxectivos e criterios sanitarios".
Rueda lembrou que a Xunta pediu sempre "un protocolo de desescalada" que o Goberno central "non acaba de facer" e criticou que, pola contra, só faga "anuncios, inesperadamente, e sen argumentos".
Rueda considerou que unha medida "hai que levantala" cando non é necesario mantela máis do razoable e sinalou que Galicia conta "con diferentes contornas", polo que existe a posibilidade de dar "pasos antes" naqueles lugares con "máis dispersión" e "menos acumulación de xente", como é o caso das zonas rurais.
Tamén se referiu ás probas piloto das verbenas, que se celebran este sábado, para destacar o traballo conxunto entre a Xunta, o sector e os municipios e con medidas "moi preparadas" e acordadas nos novos protocolos para este tipo de eventos.
"O verán non é o mesmo sen verbenas", considerou Rueda, ao tratarse dun dos sinais "de identidade" da sociedade galega e que todos están "a desexar volver celebrar", para así "recuperar aos poucos a vida normal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.