Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2021 | Actualizada ás 11:31
A economía social debería figurar con "un rol protagonista" nos plans de recuperación fronte á crise da covid e na captación de fondos, segundo destacan os autores dun informe do Foro Económico de Galicia.
Unha das responsables do documento, a profesora María Bastida, presentou este mércores o estudo 'A economía social como modelo de desenvolvemento para Galicia', que elaborou xunto ao tamén docente Alberto Vaqueiro e que pon á cooperativa láctea Clun como un dos referentes neste ámbito.
De feito, co cooperativismo como "unha das pezas esenciais da economía social", Bastida apuntou a unha estimación segundo a cal esta economía supón en torno ao 10% do produto interior bruto (PIB) galego. Con todo, asumiu que hai unha "carencia" na cuantificación e apuntou ao rexistro de cooperativas como método que servirá para avanzar nesta tarefa.
Bastida valorou o "respaldo" da administración autonómica á economía social mediante ferramentas como a lei de cooperativas. Pola súa banda, reivindicou que ten vantaxes como unha "maior capacidade de adaptación" ante crise e que "proporcionan unha vía interesante de xeración de actividade laboral".
RECOMENDACIÓNS
O informe do Foro ofrece recomendacións para a economía social como o reforzo das liñas dirixidas á incorporación de socios traballadores, axudas para os procesos de concentración de sociedades e de apoio á internacionalización.
E é que, segundo remarcou a profesora, é unha economía que "posibilita a reinversión dos beneficios no territorio en que se desenvolve" e tamén permite "a supervivencia de actividades en risco de desaparición".
Pola súa banda, o secretario xeral de Clun, Juan Gallástegui, aplaudiu o estudo, no que asegurou que ven reflectidos, antes de subliñar o compromiso desta cooperativa co rural de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.