Enfermeiras piden a fin dos "filtros" a pacientes sen cita previa na Atención Primaria de Ourense

O colectivo pide participar das decisións do Sergas para resolver problemas que xa son "globais" e que se tenta resolver con "imposicións".

Por Galicia Confidencial | | 27/06/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Máis de 150 enfermeiras de Atención Primaria da provincia de Ourense, remitiron tanto ao Conselleiro de Sanidade como ao Xerente da EOXI de Ourense un escrito, no que amosan o seu rexeitamento a que o Sergas estableza "filtros" para os pacientes que vaian fora de cita.

"Entendemos que en moitos centros de saúde existe, dende vai moitos anos, unha importante presión asistencial que se ve agravada cando as numerosas citas de cada xornada hai que engadirlle a de pacientes que acuden sen cita e solicitan ser atendidos no día por situacións que nunha porcentaxe importante non son consultas urxentes ou de alto risco", indica este colectivo nun comunicado.

Así, lembra que que este problema se suma a moitos dos que ven arrastrando a Atención Primaria e que, di, "non deixan de ser un síntoma da necesidade urxente dun cambio e novos enfoques, dun modelo que nunca tivo un desenvolvemento e orzamentos axeitados para poder dar unha resposta as necesidades de saúde da poboación".

Neste sentido, apunta como problemas o envellecemento dos pacientes, o incremento dos problemas de saúde crónicos, as pluripatoloxías, unha atención sociosanitaria moi feble e orientada as macroresidencias e un desleixo nos terreos da promoción, da prevención e traballo comunitario "que precisan de importantes mudas".

Polo tanto, pide a implicación de enfermeiros e enfermeiras na resolución destes problemas xa que "é un problema global e polo tanto a participación e o consenso teñen que primar sobre a imposición".  "As enfermeiras desexamos e queremos que se optimice o noso papel profesional, non lle temos medo a incrementar o noso marco competencial, funcións e responsabilidades", recoñecen pero cun acordo en "pé de igualdade".  Deste xeito, piden que se retire do Acordo de Xestión do 2021, en Ourense a “elaboración do procedemento en Equipo da Xestión de Demanda” ata que haxa un acordo previo para toda Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta