Así foi o "escrache" a Feijóo ás portas do acto das Medallas Castelao

As traballadoras "en fraude de lei" do Consorcio berraron contra o presidente da Xunta e a Conselleira de Política Social para que "senten a negociar".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Calquera político que leve tempo suficiente desenvolvendo un cargo público sabe que, como todos, a súa andaina ten luces e sombras. E o obxectivo pasa por potenciar as luces sen deixar que as outras escurezan de máis o resulta. Se cadra por iso non se debeu amosar moi contento Alberto Núñez Feijóo cando o pasado luns o sorprendeu o "escrache" das traballadoras do Consorcio de Igualdade e Benestar, que o estaban agardando á entrada do acto das medallas Castelao.

Imaxe do 'escrache' dos traballadores do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a Núñez Feijóo
Imaxe do 'escrache' dos traballadores do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a Núñez Feijóo | Fonte: CNT

Así, mentres o líder popular se dirixía a chamar por un "novo rexurdimento" galego despois da pandemia, as traballadoras da entidade dependente de Política Social denunciaban a súa espiñenta posición laboral. Moitas levas levan anos traballando á fronte do organismo sen un contrato fixo, circunstancia que agora, coa nova reforma legal que ultima o Ministro Iceta, podería deixalas na rúa.

A outra posibilidade pasaría por convocar oposicións. A problemática aquí estaría en que, por unha banda, boa parte dos empregados do consorcio son xa persoas --sobre todo mulleres-- entradas na cincuentena, con responsabilidades familiares que lles porían costa arriba o estudo das oposicións, segundo denunciaron dende a CNT meses atrás. 

A Confederación foi, precisamente, a entidade convocante desta mobilización que, en palabras da formación sindical, "marca a estratexia das traballadoras para que a Xunta e a Xerencia do Consorcio senten a negociar". A CNT xa apuntou semanas atrás que as traballadoras do Consorcio abandonarían a folga para tomar medidas máis directas coas que obrigar á Xunta a se sentar a negociar. 

"RECRUDECEMENTO"

Así foi que as traballadoras convocadas pola CNT protestaron ás portas do pazo de congresos de Compostela "por volta de 3 horas", segundo a formación, na que se "fixeron sentir" diante de autoridades e homenaxeadas no acto institucional. Soaron berros de “Feijóo escoitas tes o consorcio en loita” ou”Non ao ERE de mulleres”, que de acordo coa formación foron sentidos "ben preto" polo presidente da Xunta --ao que describen "apurado" e que, segundo subliñan, non se deixou ver á saída do acto--.

Desde CNT anúncianse novas mobilizacións toda vez que Xunta e xerencia do Consorcio fan caso omiso das xustas peticións de diálogo solicitadas polas traballadoras. A seguinte protesta será este mesmo mércores 30 ás 19h diante da Delegación do goberno en A Coruña coa convocatoria a nivel estatal de protesta contra a reforma do EBEP que pretende o Ministro Iceta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta