Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2021 | Actualizada ás 14:32
Arrincan as vacacións para moitos e, con elas, as primeiras críticas contra o traslado de ambulancias do Sergas. A FGAMT-CIG de Pontevedra vén de denunciar que o Servizo Galego de Saúde desprazou unha ambulancia con base no hospital do Salnés á zona de Sanxenxo e Portonovo, coñecida por experimentar un grande aumento de poboación durante o verán pola chegada de turistas de todas partes do Estado.
Dende a central sindical advirten de que “esta empeorará a asistencia sanitaria da veciñanza da comarca, sobre todo no que ten que ver con urxencias graves” e acusan ao Sergas de “sacarlles” a ambulancia “á veciñanza e aos turistas do Salnés para poñerlla aos turistas VIP” de Sanxenxo e Portovo.
Segundo apuntan dende a formación, o vehículo de emerxencias comezou a operar na mañá deste xoves, ás 9:00 horas, dende a base do centro de saúde de Silgar. O Sergas, con todo, decidiu non deixar a comarca do Salnés sen vehículo de emerxencias: dende a CIG apuntan que Sanidade dotou a zona dunha ambulancia de soporte vital básico; circunstancia que non satisfai o sindicato por diversas razóns.
"AMBULANCIA LOW COST"
En primeiro lugar, dende a formación sindical apuntan que a natureza desta ambulancia medicalizada é peor en calidade que o do vehículo trasladado a Sanxenxo --esta sería de soporte vital avanzado--. Por riba, a ambulancia que pasaría a desempeñar a atención no Salnés tan só estaría dispoñible 12 horas ao día; isto á parte de tratarse dunha ambulancia “low cost”, en palabras da CIG.
Por iso lamentan que co traslado da SVA, “co que o Sergas pretende aforrar cartos evitando ter que poñer un vehículo a maiores como fixo até o de agora”, os tempos de resposta increméntanse notablemente, polo que a maioría das veces a ambulancia non se activa para as zona de Vilagarcía, Vilanova, Catoira, Caldas, Meis, A Illa ou Cambados.
En liñas semellantes, inciden en que ao tratarse de servizos que na súa maioría son “tempodependentes”, o traslado da SVA podería “prexudicar” a calidade asistencial e a saúde da veciñanza destes concellos. Diante disto, o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, carga contra a política sanitaria da Xunta, á que acusa de “despreocuparse” dunha das zonas máis turísticas do país como o Salnés, “tomando unha decisión que non se fai en base a criterios sanitarios senón económicos e para contentar a turistas 'amigos' que veñen a Sanxenxo e Portonovo”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.