Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/01/2025 | Actualizada ás 21:50
Se cada vez chega máis droga a Galicia, nalgún sitio ten que consumirse. Así, aínda que ben é certo que a nosa terra é punto de entrada para a droga que logo se distribuirá ao resto de Europa, non é menos certo que unha importante parte dela tamén ten Galicia como destino final, tanto no caso da cocaína como, sobre todo, da heroína. O mercado local demanda inxentes cantidades destas substancias que, se antes eran difíciles de conseguir, agora xa 'rulan' polos pubs e discotecas, polos parques e arredores dos institutos e mesmo polas institucións privadas e públicas. Nun mundo no que se procura o estímulo rápido, onde a xente vive abafada polas falsas expectativas xeradas polas redes sociais e a necesidade de dopamina constante, as drogas son, para moitos, unha vía de fuxida. Vía de fuxida que só dura uns cantos minutos, ata que se fai preciso consumir máis e máis para lograr os mesmos efectos que no comezo, entrando así nunha adicción, con todo o que conleva. Dende o Galicia Confidencial falamos co doutor en Psicoloxía e experto en condutas aditivas Manuel Isorna, que nos explica cal é a realidade actual do consumo entre as novas xeracións.
"O que estamos vendo é que o policonsumo, é dicir, o consumo de 3 ou máis substancias de maneira frecuente, vai en aumento", asegura Isorna, que advirte de que é "un tema complexo, porque segundo os datos da enquisa do Plan Nacional sobre Drogas EDADES realizada entre a poboación española de entre 15 e 64 anos, o 39 % da poboación, isto é, unha de cada tres persoas, consumiu no último ano máis de tres substancias". Que tipo de substancias? O psicólogo apunta a que, "normalmente, as tres substancias máis consumidas son tabaco, alcol e cánnabis". Con todo, "esa terceira substancia que vén sumarse ao alcol e ao tabaco é o cánnabis no 63 % dos casos, de maneira que nos restantes podemos afirmar case con total seguridade que sería a cocaína, xa sexa reemprazando ao cánnabis ou ao tabaco", o cal "é unha auténtica barbaridade". Por que acontece isto? Aínda que son moitos os factores que inflúen, Isorna explica que "as persoas funcionamos por expectativas, de maneira que se ti ves que o cánnabis xa non che permite chegar á expectativa que ti pretendes e alguén che di que coa cocaína si poderás, pasas á cocaína". O problema está en que "as expectativas nunca rematan de cumprirse e sempre se precisa máis e máis substancia".
Pero por que agora hai tal predilección pola cocaína no canto de por outras drogas euforizantes? Isorna considera que "as drogas tamén van cambiando en función do estado de bonanza económica". Así, "cando nos anos 90 se produciu un boom económico, cos Xogos Olímpicos de Barcelona 92 e a Expo de Sevilla do 92, que derivaron en moito traballo para todo o mundo e a proliferación de determinados estereotipos como o de Mario Conde (avogado, empresario e político español que, antes de ser condenado a 20 anos de cárcere por delitos de estafa e apropiación indebida no caso Banesto foi un dos presidentes de banca máis novos da España do século XX), que transmitían esa falsa idea de que se consumías coca eras un triunfador, o consumo desta substancia disparouse". Foron 5 anos de vendas masivas, aproximadamente ata o 95, cando comezou a crise económica. "Agora estamos revivindo o que aconteceu entón", indica o psicólogo. Proba diso son as constantes incautacións: fai cousa dunha semana atopouse o terceiro narcosubmarino en augas galegas en menos de 5 anos e, de maneira continua, estanse interceptando cantidades inxentes de droga en barcos e avións con destino Galicia.
"HAI UNHA SOBREPRODUCIÓN QUE NOS ESTÁ INVADINDO E UNS PREZOS MÁIS BAIXOS QUE FAI 30 ANOS"
Así as cousas, aínda que a lei da oferta e da demanda adoita dicir que canta máis demanda, tende a haber máis oferta, tamén funciona ao contrario: canta máis oferta, máis demanda, porque os prezos baixan e a substancia faise máis asequible. Como afirma Isorna, "nestes momentos hai unha sobreproducción de droga en Latinoamérica, especialmente de cocaína". "Pensabamos que unha vez que as FARC (Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia) desapareceran, desaparecía con elas gran parte do cultivo de cocaína, porque estas organizacións financiábanse, en gran medida, polo diñeiro procedente da venda de cocaína, que logo empregaban para mercar armas; sen embargo, non foi así, e aínda que as FARC caeron, non así o cultivo de coca", explica Isorna. Isto é algo que tamén atribúe ao feito de que "dende fai un tempo tamén se prohibiu o emprego do herbicida que antes se lanzaba dende os helicópteros e avionetas para fumigar as plantacións de cocaína e matar as plantas, porque, ademais de rematar coas plantas de coca, este herbicida tamén remataba con todas as demais plantacións". Desta maneira, agora os soldados teñen que chegar ata as plantacións para poder desarticulalas, e iso non é doado.
En consecuencia, a produción de cocaína disparouse en Colombia, Venezuela, Ecuador, Perú... "Hai unha sobreprodución que nos está invadindo", advirte Isorna. Proba diso son tamén os baixos prezos da substancia en comparación cos que tiña hai unhas décadas. O experto en condutas aditivas lembra que "nos anos 90 un gramo de cocaína custaba unhas 10.000 pesetas, o equivalente a 60 euros de hoxe, pero, lonxe de incrementarse o custe como aconteceu con case todas as cousas, 30 anos despois o gramo de cocaína é máis barato que por aquel entón, rondando os 50 euros", o cal "é un indicativo máis da sobreprodución desta substancia que existe a nivel mundial". "É unha barbaridade froito da lei da oferta e da demanda, porque, se hai maior oferta, aumenta a demanda, xa que o prezo baixa e a droga faise máis asequible para a maioría da poboación", sinala. Ademais, ao factor do aumento da produción e da baixada de prezo habería que sumar os condicionantes sociais do momento, como por exemplo, a proliferación dos macrofestivais de varios días de duración onde os mozos buscan as maneiras de estar espertos e activos todo o tempo.
CADA ANO MORREN EN SANTIAGO UNS 40 MOZOS DE MENOS DE 40 ANOS POR INFARTO DE MIOCARDIO DERIVADO EXCLUSIVAMENTE DO CONSUMO DE COCAÍNA
No tocante aos efectos desta substancia sobre o corpo humano, Isorna convida a pensar no proceso de obtención da cocaína para poder comprender o que unha persoa que a consuma se está metendo no corpo. "Dun quilo de follas de coca non se chega a obter un gramo de substancia, porque hai que sacar o alcaloide da folla", explica. Así, "o po branco que se obtén finalmente é resultado de toda unha serie de procesos químicos nos que se emprega dende amoníaco ata peryodato de potasio". É precisamente por todas esas compoñentes químicas que "moitas persoas que levan tempo esnifando a cocaína rematan co tabique nasal perforado". Pero, máis aló diso, o experto en condutas aditivas apunta tamén ao dano que esta droga provoca a nivel sanguíneo, danando o corazón, e mesmo pulmonar, se é esnifada. "O destrozo físico que causa á persoa consumidora, ademais da adicción que lle xera, é demoledor", advirte, e apunta a modo de exemplo aos datos da Clínica Juanatey, que falan duns 40 mozos de menos de corenta anos mortos cada ano en Santiago por infartos de miocardio derivados exclusivamente do consumo de cocaína, persoas novas que de non ser por iso non morrerían baixo ningún concepto".
Así mesmo, Isorna tamén fai fincapé na compoñente aditiva da cocaína. "É unha droga moi aditiva, non ao nivel da nicotina do tabaco, pero si causa moita adicción, de maneira que a xente que a proba ten moitas posibilidades de volver consumila", asegura. Por que? Cal é o seu efecto para que a xente queira volver experimentalo? Fundamentalmente, ten un efecto euforizante. Ademais, "o tempo que transcorre entre o seu consumo e o high, é dicir, o 'subidón', é moi curto, de tal forma que aos 30 minutos de tela esnifado xa experimentas o seu efecto, chegando moi rápido a ese 'subidón'", o que provoca que "haxa máis posibilidades de recaída, xa que, pasadas dúas horas, o efecto irá diminuíndo e haberá que volver esnifar outra 'raia' para mantelo". Así, mesmo, "ao ser unha droga de consumo esnifado, o efecto vai baixando máis lentamente que no caso de drogas consumidas por outras vías". E que acontece? Que se antes á persoa consumidora lle chegaba con consumir tres 'raias' para aguantar unha noite, pasado un tempo xa precisará de seis, porque "co paso do tempo (e a habituación do corpo ao estímulo) precisaranse maiores cantidades".
Así as cousas, o consumidor irá incrementando o consumo aínda sen ser consciente. Outro problema derivado? "Que, canto máis subes, máis baixas despois", advirte Isorna. Isto tradúcese en que "as persoas adictas entran logo nun proceso de depresión moi rápido, de maneira que chega un intre no que xa non consumen para desfrutar, senón para saír da depresión que lles causa o non ter a substancia no organismo, ou dese estado de ánimo de apatía total que se instala neles en ausencia da cocaína". É precisamente por iso que estamos ante "unha droga moi perigosa, das que ten unha peor síndrome de abstinencia, porque tamén é das que provoca maiores 'subidóns', asociados, en consecuencia, a maiores baixóns". Canto tempo tarda unha persoa en volverse dependente desta droga dende o momento en que comeza co seu consumo? Pois o certo é que non se pode falar dunha data exacta, xa que inflúen moitos factores: o xénero, a cantidade que se consuma, a frecuencia do consumo, a pureza da substancia, se se mestura con outras drogas... Pero si se pode falar, sen lugar a dúbidas, de que a persoa que consume asiduamente caerá na adicción.
COCAÍNA PRESENTE EN GRANDES AGRESIÓNS CON DESENLACES FATAIS: CASO SAMUEL E CASO ÁLVARO USSÍA
A modo de exemplo do que pode causar a cocaína mesturada coa inxesta de alcol nunha persoa, Isorna cita dous casos de agresións con desenlaces fatais nos que estiveron implicadas estas substancias. Sen ir máis lonxe, un deles é o caso Samuel. O principal agresor recoñeceu 'ir moi posto' e que se non se tivese metido tantas raias de coca, probablemente non lle tería dado tal malleira. Indo máis atrás no tempo, tamén saltou á prensa o caso Álvaro Ussía. Nel, o porteiro dunha discoteca de Madrid interveu nun altercado no que a este rapaz o acusaron de tocarlle o cú a unha moza. O porteiro comezou a pegarlle e, cando estaba xa no chan, saltoulle enriba caendo cos xeonllos nas costelas, causándolle a morte ao perforarlle a pleura. "En todos estes casos violentos predomina sempre o consumo de alcol mesturado con cocaína, o cal xera unha molécula, o cocaetileno, que causa no consumidor unha agresividade bestial. Por unha banda, a cocaína xera euforia, e, pola outra, o alcol é unha droga depresora da cortiza prefrontal, onde se localiza o autocontrol e o control dos impulsos, polo que ao inhibir estes receptores, a persoa ten moita máis agresividade", explica o experto en condutas aditivas. No caso do porteiro, Isorna apunta a que "a cocaína axudáballe a estar esperto toda a noite, mentres que o alcol hai unha falsa crenza que di que axuda a combater o frío".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.