A área de Santiago implanta con éxito o seu primeiro corazón mecánico nun home de 74 anos

Juanatey valora como un "fito" que implica a chegada do corazón mecánico á atención ao paciente con insuficiencia cardíaca avanzada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2021 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

Un equipo multidisciplinar de profesionais da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza implantaron con éxito o primeiro corazón artificial a un paciente de 74 anos, que xa está no seu domicilio.

Este dispositivo de Asistencia Cardíaca de Destino supón unha alternativa ao transplante para determinados enfermos con insuficiencia cardíaca avanzada, unha enfermidade do corazón que afecta á súa capacidade de bombear o sangue e facer funcionar o organismo. E é que en estados avanzados, a calidade de vida deteriórase considerablemente e a supervivencia dos enfermos é moi baixa.

Cada ano ingresan máis de 1.000 pacientes con insuficiencia cardíaca no Hospital Clínico de Santiago; aproximadamente entre o 1% e o 5% deles poderían ser candidatos a terapias avanzadas de insuficiencia cardíaca, informa o Sergas nun comunicado.

O servizo de Cardioloxía da área Sanitaria de Santiago incorporou entre os seus tratamentos o dispositivo de asistencia ventricular esquerda de longa duración (DAVI) que funcionará como un "corazón mecánico".

EQUIPOS MULTIDSCIPLINAR

Para iso, creouse un equipo multidisciplinar no que, ademais do servizo de Cardioloxía, participan profesionais dos servizos de Cirurxía Cardíaca e Anestesia e Reanimación.

Este dispositivo é unha bomba mecánica implantada dentro do tórax do paciente que axuda ao corazón para bombear o sangue desde as cámaras inferiores do corazón (os ventrículos) cara ao resto do corpo.

Habitualmente colócase no ventrículo esquerdo, aspirando o sangue desa cavidade e bombeándoa á aorta (arteria principal que canaliza o sangue do corazón ao resto do corpo) e require dunha fonte de enerxía externa.

Debido á súa complexidade e á situación clínica dos pacientes nos que se implanta, precísase un equipo multidisciplinar formado especificamente no manexo de asistencias ventriculares esquerdas de longa duración.

Estes dispositivos pódense implantar como ponte a un transplante cardíaco en pacientes que non poderían esperar para o transplante sen soporte circulatorio; tamén como ponte en pacientes que non son candidatos actualmente a transplante cardíaco pero poderían selo no futuro; como ponte a recuperación en pacientes que con axuda deste dispositivo melloren a función cardíaca; e, por último, como terapia de destino en pacientes non candidatos a transplante cardíaco.

"UN FITO"

"A incorporación das Asistencias Cardíacas de Destino representa un fito na atención a pacientes con insuficiencia cardíaca da nosa área sanitario e da de referencia (Pontevedra-Salnés). Significa a chegada do que poderiamos denominar corazón mecánico á atención ao paciente con insuficiencia cardíaca avanzada, que constitúe a máis nova tecnoloxía na atención a estes pacientes", subliña o xefe do servizo de Cardiología da área sanitaria compostelá, José Ramón González Juanatey.

"Levamos con éxito o primeiro procedemento entre cirurxiáns cardíacos, anestesistas e cardiólogos, e o primeiro paciente tivo unha evolución fantástica. Por tanto, cremos que Santiago se incorpora a unha nova área de desenvolvemento da cardioloxía, da medicina cardiovascular, da que seguro que moitos pacientes se poderán beneficiar e poderán prolongar a súa vida, e mellorar a súa calidade de vida. Nós seguimos no compromiso de incorporar á medicina pública os mellores avances para a atención aos nosos pacientes", valora Juanatey.

A área de Santiago implanta con éxito o seu primeiro corazón mecánico. XUNTA
A área de Santiago implanta con éxito o seu primeiro corazón mecánico. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta