BNG exixe responsabilidades logo de que se retirara unha "bandeira patriótica" nun acto legal na Coruña

Néstor Rego urxe abrir unha investigación para que coñecer os motivos polos que se deu orde á Policía nacional de identificar ás persoas participantes dunha actividade pacífica no que se empregaba "a simboloxía propia da Galicia".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2021 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama o esclarecemento dos feitos acontecidos o domingo catro de xullo, despois de que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado identificasen a 14 persoas de maneira arbitraria e non amparada legalmente. Así mesmo, urxe comezar unha investigación dos feitos e exixir responsabilidades aos axentes que participaron na identificación mentres despregaban unha bandeira patriótica nun acto pacífico e que contaba coa debida comunicación administrativa.

A bandeira coa estrela vermella nun partido da selección galega.
A bandeira coa estrela vermella nun partido da selección galega.

Mentres decorría V Bandeira Cidade da Coruña, realizouse unha acción simbólica no paseo marítimo da Coruña, á altura da Domus, en que se despregou unha bandeira patriótica galega e unha pancarta baixo o lema “Avante Toda”. O Obxectivo da acción era animar as tres embarcacións galegas que participaban na competición da liga Euskolabel da Asociación de Clubs de Traiñeiras (ACT). Da realización do acto informárase previamente ao Director de Seguridade Cidadá do Concello da Coruña, mediante escrito rexistrado o pasado un de xullo, polo que se cumpría coa exixencia de comunicación previa.

O domingo, “debido ao forte vento, os organizadores optaron por retirar a bandeira despregada, momento en que dous vehículos da Policía Nacional rodearon aos participantes e comezaron a identificar a todos os presentes” explica Rego. Os catro axentes, a pesar de ser preguntados reiteradamente sobre o motivo que tiñan para identificar as persoas que levaran a cabo este acto simbólico, non deron información en ningún momento sobre a que se debía. Finalmente acabaron por afirmar que consideraban que a bandeira pendurada “non era legal” e que tiña ordes para proceder a identificar a todas as persoas presentes.

As ordes recibidas por estes axentes pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado “só poderían proceder da Delegación do Goberno en Galicia, motivo polo que solicitamos que o Delegado, José Manuel Miñones Conde, explique os motivos que levaron a dar instrucións para acometer esta actuación policial represiva de dereitos democráticos lexítimos”, explica Rego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta