Por E.P. | OURENSE | 05/07/2021 | Actualizada ás 19:37
A xunta de goberno da Deputación de Ourense deu luz verde este luns, baixo a presidencia do vicepresidente Rosendo Fernández, á concesión de case 759.000 euros en axudas para entidades sociais e cooperación, tanto cos concellos como con asociacións e colectivos de diversos ámbitos.
Entre os asuntos que figuraban na orde do día, a institución provincial destacou a resolución do concurso público para a concesión de subvencións con destino a proxectos de servizos sociais, que cun importe próximo a 255.000 euros beneficiará a 58 entidades para desenvolver, entre outras, iniciativas relacionadas coas persoas en situación de necesidade no medio rural, programas de emerxencia pola covid-19, atención á muller e a infancia, e envellecemento.
No ámbito de cooperación cos concellos, aprobou a concesión de dez subvenciones por un importe próximo a 358.000 euros, distribuídos do seguinte modo: 48.000 euros para o Concello de Castrelo de Miño para obras de mellora en vías municipais; 15.000 euros para o aluguer de vestiarios provisionais no campo de fútbol de Cortegada; e 20.000 euros para a mellora do firme na estrada Varro-Bugalleira, no Irixo.
O Concello de Monterrei recibirá senllas achegas, unha por valor de 83.000 euros para cofinanciar as obras de reparación dos danos ocasionados polas riadas de 2019, e unha segunda de 40.000 euros para o Castelo de Monterrei. Tamén o Concello de Padrenda percibirá dúas axudas, a primeira de 19.000 euros para o acondicionamento de pistas municipais, e outra de 40.000 euros para traballos ambientais.
No ámbito supramunicipal, a Mancomunidade Turística do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro terá unha axuda de 15.000 euros para gastos de funcionamento, e a Mancomunidade voluntaria de municipios de Ourense disporá de 30.000 euros para o arranxo do punto limpo de Xunqueira de Espadanedo.
No que respecta á colaboración con entidades e colectivos, aprobáronse seis subvenciones por importe de 146.000 euros, dos que 40.000 euros destináronse á Asociación de Empresarios Gandeiros e Agricultores da Limia para proxectos este ano; e 12.000 euros á Asociación Traspediante Cultura, para a décima edición do Festival Corpo a Terra.
Tamén se autorizaron 8.000 euros para a asociación veciñal Gutier Menéndez, de Vilanova dos Infantes, para gastos de funcionamento e adquisición de carpas para eventos; 20.000 euros para o Centro de Deportes O Barco, para financiar gastos da última tempada; e 48.000 euros para a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da comarca de Verín para o proxecto de ampliación e reforma do seu centro.
FONDOS EUROPEOS
A institución provincial tamén informou de que o seu titular, Manuel Baltar, reivindicou na reunión extraordinaria da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, celebrada en Viana do Castelo (Portugal), que o labor das grandes alianzas institucionais "potenciará a eficacia dos fondos de recuperación europeos".
Nun momento crucial para as economías das administracións públicas e para os cidadáns, Baltar considera que a cooperación "será a palabra crave para que eses fondos europeos cheguen a tempo e onde sexan máis necesarios".
Así mesmo, apuntou que o goberno que preside puxo en marcha unha estratexia de captación de financiamento europeo para o período 2021-2027, sendo a primeira provincia de España en desenvolver o devandito plan, cuxo montante económico estima que supere os 85 millóns de euros, destinados a proxectos baseados na "economía verde" nos ámbitos do turismo, o reto demográfico, o termalismo, as infraestruturas e a innovación.
Baltar tamén indicou que informará desta estratexia de captación de fondos ás redes de cooperación europea que preside --Partenalia e EHTTA-- e á Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios (CEPLI), da que é vicepresidente.
Ademais, como presidente do Foro Termal do Eixo Atlántico, remarcou a necesidade "de aproveitar a fortaleza que o turismo termal vai ter nos próximos tempos de post pandemia", e a "singularidade competitiva" que dá a relación Galicia-Norte de Portugal para todos os ámbitos económicos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.