Por X.M. Fernández | Allariz | 08/07/2021 | Actualizada ás 09:00
A Alcaldesa, Cristina Cid, e Pere Antentas, director xeral de Vento Rede S.L --empresa de rede aberta--, visitaron as obras de despregue da rede de fibra óptica en Allariz.
Despois de varias reunións coa empresa que está realizando ese despregue, como coa empresa promotora do mesmo, Cristina Cid salienta a importancia deste proxecto para a veciñanza do Concello de Allariz.
Este despregue de fibra supón para a veciñanza local un salto cualitativo importantísimo no servizo de conectividade, unha infraestrutura moi necesaria para todos aqueles que elixen Allariz coma o seu lugar para vivir e traballar e que conseguen que ano tras ano Allariz siga medrando en poboación.
As zonas nas que se rematou o despregue empezarán nos vindeiros días a posta en marcha do servizo gradualmente. Por outra banda, tanto o concello como a empresa son conscientes da casuística do municipio, que conta de 92 núcleos de poboación e intentaráselle dar solución a todas as incidencias que podan ir aparecendo segundo avancen os traballos.
A empresa Vento Rede, con Rede Aberta, é un operador de infraestruturas neutra que ofrece servizo a varios operadores. Na actualidade xa están a traballar con catros operadores de Galicia, que serán os encargados de comercializar nesta zona. Comezará, deste xeito, a fase de comercialización “a túa xanela“ que ten por obxectivo levar a fibra óptica ás poboacións do rural.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.