Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2021 | Actualizada ás 22:15
Pero, e as matemáticas para que serven? Unha pregunta que sen dúbida resoa a miúdo nas cabezas de moitos estudantes cando os presentan por primeira vez á trigonometría, as ecuacións de segundo grao, e demais técnicas. Pois para resolver moitos dos problemas do tecido económico. Cando menos así o consideran dende a industria internacional, que do 12 ao 16 de xullo ten cita en Santiago de Compostela cos mellores matemáticos de Galicia.
O encontro terá lugar no marco do “163 ESGI European Study Group with Industry”, un evento internacional no que diversos expertos matemáticos ofrecerán solucións a problemas actuais expostos por industrias de moi distinta clase. O obxectivo do encontro, apuntan dende a organización, pasa por dar a coñecer o “potencial” da tecnoloxía matemática, que, á parte de resultar útil, é barata.
O encontro, que “seguramente” terá lugar en liña por mor das circunstancias sanitarias, conta con múltiples investigadores matemáticos organizados en grupos de traballo nos que tratan de abordar e resolver distintos problemas propostos polas industrias que se sumaron á cita. “Aí é onde reside o seu éxito -sinala María Dolores Gómez, representante do comité científico e organizador deste evento, investigadora adscrita a ITMATI e profesora titular da Universidade de Santiago-. Destaca que, “debido á natureza transversal das matemáticas, estes problemas son abordables en todos os sectores económicos e empresariais”.
UTILIDADE PARA AS EMPRESAS
O principal obxectivo do encontro pasa por dar a coñecer as “capacidades” das matemáticas e a súa “aplicabilidade nunha gran parte dos retos e necesidades do tecido industrial”. Todo coa fin de achegar a pequenas, medianas e grandes empresas unha tecnoloxía cun gran potencial, con investigadores moi cualificados e que “non necesita de grandes investimentos para o seu uso”, en palabras de manifesta Gómez.
No transcurso deste evento trataranse de atopar solucións aos problemas industriais existentes, establecer relacións de traballo duradeiras e produtivas entre os matemáticos de investigación máis aplicada e a industria, así como expor novas liñas de investigación baseadas en retos empresariais. Ademais, tal como indica a investigadora de ITMATI, “trátase de afianzar a importancia das matemáticas na industria e a presenza dos perfís matemáticos nas compañías, estimulando unha maior conciencia na sociedade do poder das matemáticas na prestación de vías de solución aos problemas do mundo real”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.