Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2021 | Actualizada ás 14:34
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que a Xunta merece "un suspenso" en políticas ambientais e avogou por unha lei galega do cambio climático que sitúe Galicia como "referencia" en compromiso ecoloxista. Así, asegurou nunha visita á parroquia de Corrubedo, que Galicia está "á cola de España" en políticas ambientais e considera que "non pode quedar atrasada" nesta materia. Censurou, logo, que dous dos seis parques naturais de Galicia non contan aínda cun plan de uso e xestión e que o de Currubedo tivo que "esperar 30 anos" para ter un documento destas características.
"Hai que defender os parques naturais, darlles mecanismos de protección do medio ambiente, da naturaliza e, ademais, afrontar retos como a protección da biodiversidade", indicou. Neste sentido, criticou que "só tres das 75 especies en problemas de perigo de extinción teñen un plan de conservación". "Ningunha das 126 especies que en Galicia están en situación de vulnerabilidade ten un plan de conservación e protección feito pola Xunta", engadiu.
Gonzalo Caballero, que subliñou o compromiso do PSdeG co medio ambiente, sostivo que Galicia corre o risco de ter un clima como o de Murcia ou o de Andalucía dentro dunhas décadas. "Por iso temos que afrontar tamén en Galicia os retos do cambio climático", subliñou para incidir tamén na necesidade de declarar a emerxencia climática.
PRUDENCIA ANTE A COVID
Gonzalo Caballero tamén apelou este sábado á prudencia ante o aumento de contaxios rexistrado en Galicia nos últimos días para que este verán poida ser o da "recuperación". "Temos que afrontar esta fase de desescalada, dun menor nivel de restricións, con moita prudencia e moitas garantías porque os datos que estamos a ver de contaxios acenden certas alarmas", manifestou.
Aínda que asegurou que o nivel de vacinación implica un menor nivel de presión asistencial, considerou necesario facer un chamamento á prudencia. "A batalla contra o virus non está gañada e é necesaria a prudencia e non cometer ningún tipo de imprudencia nin de riscos", advertiu.
Gonzalo Caballero sinalou que este ten que ser "o verán da reactivación" da sociedade e da economía galega. "E para iso necesitamos seguir coa estratexia de vacinación e moita prudencia, para non retroceder, para seguir avanzando, para que a hostalaría poida seguir tendo un ritmo adecuado e para que Galicia poida seguir sendo un destino turístico", afirmou.
Tras subliñar que o PSdeG asume as normas que marca a Xunta e "non as cuestiona", incidiu en que a vacinación e a prudencia son as bases para reactivar Galicia este verán e que a comunidade poida ser "un destino seguro para tantos turistas que este verán" queren visitala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.