"Quen decide en Galicia como e onde se coida ás persoas maiores é a iniciativa privada"

Sagrario Fernández, traballadora social no Hospital Lucus Augusti de Lugo, aposta por un modelo de coidados a pequena escala e centrado nos fogares, para que a terceira idade non sexa afastada do seu espazo vital e segregada en grandes residencias xusto no momento máis vulnerable da vida.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os movementos sociais, as comunidades de veciños e as propias familias reclaman un novo modelo de coidados. A pandemia deixou en evidencia a cruenta realidade das residencias de maiores, grandes infraestruturas onde as persoas quedan desprovistas das súas redes vitais de referencia; e onde o persoal atende, moitas veces, en condicións precarias. Ante unha decidida "mercantilización dos coidados", Sagrario Fernández, traballadora social no HULA, leva tempo sinalando o que falla e buscando camiños alternativos. "A quita de dereitos desde o 2008 foi impresionante, e nada diso se recuperou", sentenza. Ela aposta por un "minifundio dos coidados" no que a asistencia á terceira idade se articule en función das necesidades das persoas en cada comarca, co fogar como lugar de referencia. Acaba de elaborar un traballo sobre os servizos sociais para maiores na provincia de Lugo, e aquí debaixo debulla a realidade que atopou e as súas reflexións.

Sagrario Fernández, traballadora social no HULA
Sagrario Fernández, traballadora social no HULA | Fonte: remitida

 

Estás empregada no HULA como traballadora social, e ademais, es activista a favor do dereito á vivenda e dun modelo de coidados moi diferente do que impera agora mesmo no país. É unha cuestión de responsabilidade participar de xeito activo nestas loitas?

 

Ao largo da historia vemos como os dereitos se conseguiron a base de loitar por eles. Se pensamos que agora non é necesario, estamos moi enganados porque ao mesmo tempo que se promulga unha falsa liberdade, quítannos a liberdade de vivir, é dicir, de alimentarnos dunha forma sá, de respirar un aire limpo e de poder coidar na comunidade. Agora coidar é un previlexio que só poden ter unhas poucas persoas sen sentirse afogadas. O resto ten que depender dun mercado do que non son precisamente as persoas nin as familias, como vimos durante a pandemia, as que se benefician.

Residencia de maiores Coviastec, en Silleda. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Residencia de maiores Coviastec, en Silleda. Álvaro Ballesteros - Europa Press

 

Vés de elaborar un traballo sobre os servizos sociais para maiores na provincia de Lugo. Con que realidade dos coidados á terceira idade te atopas? Que opcións ten unha persoa en situación de dependencia en Galicia?

 

Dende a crise financieira do 2008 a quita de dereitos foi impresionante: suspenderon programas e persoal dos servizos sociais comunitarios, diminuiron o número de horas de axuda no fogar, imcompabilizaron servizos e aumentaron o seu copago. Nada se recuperou. Todo isto, xunto coa práctica inexistencia de recursos sociosanitarios, -- ese recurso intermedio entre hospital e o domicilio --, fai que se precipiten ingresos en residencias que se cadra con algo máis de axuda non serían necesarios.

 

Se as residencias estiveran emprazadas no concello ou na comarca non sería tan dramático, pero o sistema de residencias actual fai que as persoas se teñan que afastar do seu medio de medida e relación precisamente no momento máis vulnerable da súa vida. Hai pouco

comentábame unha filla que só podía ir ver ao seu pai a principios de mes, posto que gastaba

moito en viaxe e non dispoñía de cartos. Encontrámonos cun sistema perverso porque, aínda despois de conseguir o recurso hai que esperar un tempo, que para as persoas maiores é crucial, para poder pedir os traslados. Temos unha administración hiperburocratizada e uns servizos sociais totalmente enconsertados que non permiten ás persoas decidir. 

 

Logo están as tremendas demoras e a inexistenica de axudas no fogar suficientes para situacións de dano cerebral, cancros en estadíos catro, caídas de maiores e calquera outra situación que xurda, ás veces incluso sen ningún apoio familiar. Estas persoas non poden esperar un ano e pico en ter unhas axudas axeitadas. E desta forma tamén se precipitan os ingresos en residencia.

 

Hai que escoitar máis as necesidades das familias?

 

Hai que falar coas persoas maiores, coas familias e tamén coas comunidades. No meu traballo diario vexo como en xeral as persoas maiores van a unha residenica porque non queda outra, pero practicamente ningunha quere ir a unha residencia. En parte isto é porque significa illamento e afastamento do seu medio. As traballadoras sociais imos cansas de escoitar ás persoa miores dicir que se alguén as coidara lle deixaban a herdanza. Por que non realizan programas encamiñados a respectar os desexos das persoas e que poidan realizalo con seguridade? Cónstame tamén que a algunhas das 2.800 comunidades de montes que hai en Galicia lles gustaría implantar programas sociais da súa contorna. Por que non escoitar as comunidades de veciños? Por que non escoitar a aqueles grupos que están demandando chan para realizar un proxecto de vivenda compartida? Os movementos sociais tamén están reclamando outro modelo de coidados. Esta demanda é expresada polas persoas e familias continuamente.

 

Do teu traballo despréndese que quen decide en Galicia sobre como se coida ás persoas maiores é, en gran medida, a iniciativa privada. Estanse tratando os coidados como negocio?

 

Si, a maior parte das prazas son privadas. Na provincia de Lugo só existen 1.593 prazas públicas da Xunta, pero é que destas, 837 son financiadas en residencias privadas. Propias tan só hai 756 prazas, e hai que dicir que en moitas destas residencias a xestión tamén é privada. Entón é cando digo que quen decide onde e como se coida é a iniciativa privada. Isto contando tamén as prazas de vivendas comunitarias, fogares residencias e pisos tutelados que acostuman a ser recursos de proximidade. Porén destes recursos na provincia só hai 33 prazas de pisos tutelados, 111 de vivenda comunitaria e fogares residencias.

 

A situación é moito peor na provincia da Coruña, porque na de Lugo interviu moito a administración local pese a que as competencias son da Xunta. Nesta provincia a maioría de prazas tamén son privadas e con escasísimos recursos de proximidade. Temos sitios como as comarcas de Fisterra, Xallas, Muros e a Barcala nas que non hai ningunha praza pública, contando con que só a comarca de Fisterra ten máis de 6000 persoas maiores de 65 anos. Calquera familia que necesite unha alternativa de convivencia sabe que ten que recorrer aos servizos privados de residencia, a veces mesmo cunha economía ben complicada. O único modo de ingreso nunha residencia cando unha persoa o precisa xa, que son os casos que temos nos hospitais, é que esa persoa teña menos de 3.600€ de saldo bancario e que non teña descendentes ou ascendentes con obriga de prestar coidados. O resto ten que acudir á privada.

 

Como repercute este modelo residencial sobre a calidade dos coidados ás persoas maiores?

 

Non hai estudos sobre a calidade de vida das persoas nas residencias. Non se sabe cal é a media de vida das persoas dende que ingresan, nin se coñecen enquisas sobre como se encontran. Sabemos que é importante que teñan espazos e persoas facilmente recoñecibles e que se recoñeza a súa experiencia de vida para adaptar os servizos e actividades o máis posible á persoa. Ás persoas maiores gústalles ver certo dinamismo, movemento; non se pode afastalas e segregalas. Teñen que estar integradas e participar nas dinámicas do barrio, da cidade ou das vilas.

 

Este modelo de grandes residencias prohibiuse en países como Dinamarca xa hai máis de dúas décadas. Que implicacións psicolóxicas ten para unha persoa ingresar nestes espazos?

 

Os espazos teñen que ser recoñecibles e o persoal que coida tamén. Entón deben ser espazos pequenos, por iso falamos do modelo danés, porque son modelos de convivencia dunhas 12 persoas. As habitacións deben ter vida propia, coa súa sala e coa súa pequena cociña onde poida ir a familia. Por que unha pesoa que está nunha residencia, nun momento de fraxilidade ou enfermidade grave, non pode ser acompañada pola noite dun familiar? É necesario humanizar os coidados para que todas participemos.

 

Por que aquí a Xunta segue apostando por este modelo? Que ten que acontecer para cambiar o enfoque?

 

É unha cuestión de modelo e filosofía política. Por que un goberno decide apostar polos intereses dos fondos e grupos de inversión en vez de facelo por outro de participación, proximidade e comunitario? Neste modelo beneficiaríase tamén a iniciativa privada porque poderían estar prestando servizos persoas da mesma localidade de forma individual ou mediante a organización de cooperativas ou outras fórmulas, pero xa non se beneficiarían os grandes grupos de inversión que son os que controlan, polo que se ve, a economía e a forma de vivir das persoas.

 

Falas tamén moito do envellecemento en soidade, que pode producirse tanto nunha casa coma nunha residencia na que te atopes rodeada de moitas persoas. Que di de nós como sociedade o feito de que tantos maiores teñan este sentimento?

 

A soidade afecta ás pesoas maiores dun xeito especial pola propias características da idade

pero aínda máis polos problemas de segregación dos que falaba antes. Mais toda a sociedade estamos camiñando cara aí, somos máis individualistas que nunca e por riba vivimos nunha sociedade hedonista na que a enfermidade e a morte non se incorporan á vida normal senón que se agochan. Vemos como cada vez ingresan nos hospitais máis persoas maiores porque estiveron tiradas no chan por caídas durante horas e tamén é frecuente ver nos medios noticias nas que contan que aparecen persoas mortas despois de días sen que ninguén se dera conta. Isto é a soidade levada ao extremo, propia dunha sociedade que perdeu os vínculos, que é o que máis nos protexe dende sempre. Precísanse programas de intervención para evitar estas situacións e outras menos graves, pero non menos importantes, e para garantir unha integración de todas as persoas.

 

Nos teus traballos apelas, á contra de toda esta realidade que vimos debullando, a uns coidados de proximidade, a un “minifundio dos coidados”. En que consiste?

 

Galicia sempre se caracterizou polo minifundismo. Esta singularidade que caracterizou a paisaxe e imprimiu carácter desprazouse durante demasiado tempo. Pasouse a incentivar e

promocionar as cousas grandes, mais algo nos está dicindo que temos que voltar ao pequeno, á distribución da riqueza e a unha sociedade máis equitativa. Temos moito que facer na pequena escala, na proximidade. Non fai falta chegar moi lonxe como se dicía, senón facer pequenas cousas que fagan a vida máis humana e tamén máis amorosa. Agora mesmo temos un sistema de coidados hipermercantilizado desprovisto de vinculos e afectividade, habería que loitar por mudar isto.

 

Cómpre diversificar os servizos e adaptalos ás características dos diferentes lugares?

 

Penso que para planificar servizos hai que ter en conta o territorio. As comarcas están aí para

algo. Hai que ver con que servizos e recursos conta cada unha e tamén as que lindan. Se se

analiza o contexto veremos como cada comarca pode ter uns recursos que se cadra son distintos en canto á dependencia administrativa e mesmo funcional aos da comara do lado. Isto é bo porque quere dicir que se escoitou ás persoas e existiu participación. Pero sobre todo ten que haber planificación, estudos en base aos cales se estableza un mapa de recursos por comarcas. Na análise actual sobre o emprazamento das residencias non se sabe que criterios se utilizaron a non ser o asentamento nas entidades de maior tamaño. O cal dá conta do sistema pouco diversificado e de proximidade que temos. Séguense facendo residencias en sitios onde xa hai, ou en lugares que pola poboación existente maior de 65 anos non se sostén un recurso de moitas prazas. Isto evidencia que seguimos pensando en que afastar as persoas do seu medio de vida non importa e que se pode coidar en igualdade de condicións a 12 ou 20 persoas que a 70 ou 180.   

 

Outra variable importante que entra en xogo é a vivenda. Pode ser unha vía para planificar estes servizos de proximidade e de coidados para maiores en Galicia? Que importancia teñen as políticas de vivenda sobre o tema dos coidados?

 

Hai dous datos cruciais a ter en conta. Un é que o 25% dos habitantes teñen máis 65 anos e os pronósticos, segundo o censo de poboación do IGE de 2020, é que para o 2035 a porcentaxe sexa do 32%. O outro, é que Galicia é a comunidade autónoma con máis vivenda baleira, comezando por Ourense e seguido de Lugo. Por outra parte temos un parque de vivenda cunhas características moi especias, xa que a maioría son vivendas grandes con máis de catro cuartos. Sorprende que con estes datos, a administración non estea dando resposta de maneira adecuada e rotunda cunha oferta de vivenda destinada a este grupo de poboación. Quizas por aquí deberían de pasar as alternativas habitacionais para as pesoas maiores, pero iso non se nos pregunta nin ás profesionais nin as persoas maiores. A Lei de Servizos Sociais sueca establece que os servizos sociais teñen que ser consultados e participados na planificación urbanística coa finalidade de que se teñan en conta as necesidades especiais de terminados colectivos. En Galicia o Observatorio de Vivenda conta con axentes da propiedade inmobiliaria, administradores de fincas, entidades financeiras, compañías aseguradoras, fundacións da construción..., pero non contan co Colexio de Traballo Social de Galicia ou mesmo cos Colexios de Educadoras e Educadores e Psicoloxía.

 

Ao longo de todo o teu traballo tamén tes moi presente a perspectiva de xénero. En que se traduce que esta non se teña en conta no modelo actual de coidados? 

 

A perpectiva de xénero tense en conta creando servizos de centro de día, axudas suficientes á conciliación e dando permisos para coidados. Na actualidade temos unha administración que nin coida nin deixa coidar. Coidar debería ser un privilexio para todas as persoas e non unha carga. Antes eramos as mulleres as que o faciamos dunha forma totalmente gratuíta; e coa incorporación á vida laboral non mudou moito a situación: seguimos sendo nós as coidadoras, con contratos e salarios precarios, e a maior parte das veces con dobre xornada de coidados; por iso se fala dunha crise de coidados. Os homes seguen sen incoporarse a eles pese á importancia vital que teñen. Sería positivo que tamén se encargaran, tanto de forma directa como no eido laboral, porque pasarían a recoñecer e interiorizar unha parte afectiva e de sostén da vida. 

 

Este cambio de modelo nos coidados que ti propós, que efecto tería sobre a vida e o futuro das aldeas? 

 

Teriamos que preguntarnos que efectos ten para unha aldea que desparezan as persoas maiores, ben porque ingresan nunha residencia lonxe, ben porque se mudan vivir cos fillas á cidade. Isto ten efectos a nivel do tecido social, de redes, pero tamén a nivel económico as aldeas se resinten porque os coidados poden xerar emprego local e isto podería axudar a revitalizar moito os concellos. 

Unha traballadora e unha persoa maior nunha residencia da terceira idade. DEPUTACIÓN FORAL DE ÁRABA - QUINTAS FOTOGRAFOS
Unha traballadora e unha persoa maior nunha residencia da terceira idade. DEPUTACIÓN FORAL DE ÁRABA - QUINTAS FOTOGRAFOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 lad

Hai que mudar o sistema de coidado ás persoas maiores, non pode pasar o que vimos coa pandemia.

1 Alienao

O único sistema digno é o coidado delas por parte dos seus fillos. O resto é botalas ao lixo.