Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 12/07/2021 | Actualizada ás 14:16
A aplicación 'A Coruña de Emilia Pardo Bazán' permitirá coñecer a cidade a través dunha representación virtual da propia escritora, segundo explicou a alcaldesa Inés Rey e o creador do sistema, Xoel Vázquez, durante a súa presentación esta mañá na Praza de María Pita.
A aplicación encádrase dentro dos actos do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán, que levan celebrando desde o pasado mes de xaneiro e que culminarán no mes de setembro de con unha exposición que foi inaugurada recentemente en Madrid.
Será a propia escritora, de forma virtual, quen "irá contando os distintos espazos nos que ela desenvolveu a súa propia vida e a súa produción literaria, desde a Praza de Tabacos á Praza de María Pita, pasando pola rúa Tabernas ou os Xardíns Méndez Núñez, espazos emblemáticos da cidade a través dos cales coñeceremos esa marineda que ela relatou e viviu para coñecer os detalles da nosa historia como cidade e como país", detallou Inés Rei.
Pola súa banda, Xoel Vázquez explicou que se utiliza a tecnoloxía de realidade aumentada "para cambiar a paradigma de como contamos a historia". Segundo dixo o creador da 'app', "agora no canto de imaxinar o que nos pode contar un guía, imos poder velo".
A aplicación utiliza unha ruta GPS que marca os sitios a visitar. Cando o usuario chegue ao lugar e utilice a aplicación, aparecerá a propia Emilia Pardo Bazán a tamaño real e explicará da súa propia voz a súa relación coa cidade "para poder ver e mergullarnos na historia coma se estivésemos nunha aventura", afirmou o creador.
Para Vázquez, esta é "unha maneira nova de trasladar a historia de forma inmersiva e interactiva, que permite achegarnos aos mozos de forma adaptada á súa maneira de vivir o mundo". A aplicación poderase descargar a partir deste martes buscando 'A Coruña de Emilia Pardo Bazán'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.