Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/07/2021 | Actualizada ás 19:06
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defendeu que o proceso sobre o expediente aberto ao xinecólogo do Hospital de Verín se fixo "con todas as garantías" para os dous implicados, "o facultativo que o denuncia e o profesional denunciado".
"Non podemos saltarnos os dereitos dun, pero tampouco os da muller que interpuxo a denuncia", manifestou este mércores no pleno do Parlamento de Galicia, onde deu resposta a unha pregunta oral a través da que o deputado do PSdeG Juan Carlos Francisco Rivera lle pediu que retire este expediente.
Na súa intervención, o conselleiro mostrouse "sorprendido" por ter que acudir á Cámara galega a responder unha pregunta que "dubida da independencia e o traballo feito da profesional que foi instrutora deste expediente".
Tras criticar tamén que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, dese unha rolda de prensa na porta do Hospital de Verín "dubidando dos procesos regulados para a defensa dos dereitos dos traballadores do Sergas", acusou os socialistas de ter "pouca consideración" coa facultativa que "presentou a denuncia".
"Vostedes queren que arquivemos o expediente e metámolo nun caixón. E onde quedan os dereitos desa profesional que denunciou uns feitos polos que sentiu maltratada por parte dese facultativo?", preguntouse Comesaña, que dixo que o PSOE "só vea polos intereses dun profesional en concreto".
Pola súa banda, o deputado do PSdeG asegurou o expediente con dous días de suspensión de soldo xustifícase en base a unha "desconsideración cun compañeiro" que "nin está probada nin obedece aos feitos". "Aquí, o que hai é un axuste de contas, unha represalia contra unha persoa que o único que fixo foi defender o hospital público", incidiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.