Así: no ano 711 don Rodrigo perdeu a batalla de Guadalete, por culpa do bispo Oppas que se pasou ao inimigo “en dous anos os árabes apoderáronse do noso chan (...) pero os cristiáns non quixeron someterse ao xugo árabe e iniciaron a Reconquista” e aquí vén un debuxiño de don Pelaio que quita o hipo.
Outra páxina gloriosa cóntase á inversa: “en 1492 España conquistaba terras en América co fin principal de evanxelizalas e civilizalas”. É o que tiñan Hernán Cortes e Pizarro, que eran moi relixiosos e moi civilizados.
Pasaron cinco séculos -oito durou o de don Pelayo- e os descendentes de Moctezuma, Atahualpa e Simón Bolívar iniciaron a Reconquista da Madre Patria, tantas veces madrasta. Véñennos a dar “sopas con honda”.
En Arxentina, Kirchner despachou a Repsol cuns bonos lixo. En Bolivia, Evo Morais díxolle a Fenosa que tururú e expropiou a filial de Rede Eléctrica Española, seguindo o exemplo de Hugo Chávez. Cando llo restrebaron ao Rei da Madre Patria na Cumbre Iberoamericana -¡que antigalla, que desfase!-, o noso Rei dixo aquilo de “Y tú, ¿por que no te callas?” e logo levantouse e foise, mentres Ortega falaba do saqueo de Fenosa en Nicaragua.
É a purita Reconquista: como os aliados en Normandía, escolleron Galicia como cabeza de ponte para entrar en Europa. Galicia, situada estratexicamente, mar por medio Nova York. Iniciaron o asalto as tropas norteamericanas de Citygroup comprando Autopistas: o primeiro, as infraestruturas. A semana pasada aterrou a petroleira mexicana Pemex no estaleiro vigués Barreras, a prezo de saldo: o segundo, os barcos. Onte perdemos a honra: o banco de Venezuela Banesco comprou regalados os refugallos das caixas de aforro galegas, liquidando definitivamente o sistema financeiro de Galicia: o terceiro, a banca. Xa teñen estradas, portos e diñeiro; Repsol, Pescanova, Fenosa, toda a escuadra cristiá bátese en retirada; culminar a Reconquista é cuestión de pouco tempo. Xa o escribiu Zorrilla no XIX (poño Galicia onde el di España): “Torpe, mesquiña e miserable Galicia, ¡vinde/vide polo que queda estranxeiros rapaces, que insolentes fixestes de Galicia unha almoeda!”.
De esta almoeda din “que somos moi atractivos para o capital estranxeiro”, o que non encaixa con ter a morosidade máis alta de Europa. Sorprende a alegría, ¡benvido Mr. Chávez!, con que recibimos ao conquistador venezolano fronte á opción “indesexable” de caer en mans catalás ou santanderinas: un modo curioso de entender a patria. Pero o que máis sorprende é que esta Reconquista Bolivariana empece, como a de Covadonga, nunha aldea galega, Os Peares, e que don Pelaio Núñez Feijóo, como o bispo Oppas, se pasara ás tropas inimigas. A Wikipedia recordaralle como o traidor que vendeu Galicia por un prato de lentellas.
@Tornarratos