Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2021 | Actualizada ás 20:18
O servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi acreditado como unidade docenteis o que significa que de agora en adiante poderá formar profesionais nesta especialidade. Diso informou a consellería de Sanidade nun comunicado, no que destacou ademais que esta especialidade foi "clave durante o ano pandémico".
Microbioloxía é un servizo central do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol que se dedica ao seguimento e tratamento de mostras para o diagnóstico de enfermidades infecciosas, a través do cultivo de bacterias en ouriños, feces, sangue ou feridas, entre outros.
Tamén se ocupa do control das resistencias aos antibióticos; dos estudos virolóxicos --como probas relativas á Infección por VIH, a hepatite ou o papiloma--; ten un espazo específico para análise da tuberculose; e encárgase, en colaboración con outros servizos, do control da infección nosocomial --a producida dentro do propio hospital--.
OBRAS NO CENTRO DE SAÚDE DE LALÍN
Por outra banda, a Consellería de Sanidade informou de que a Xunta de Galicia avanza nas obras de construción do Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín, tras finalizar xa a fase de cimentación. As actuacións, que comezaron en maio, "seguen progresando a bo ritmo, cunha execución mesmo adiantada con respecto á programación inicialmente establecida", sinalou a Consellería nun comunicado.
Da finalización da fase de cimentación foi testemuña a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na visita que realizou ás obras a semana pasada, xunto co alcalde de Lalín, José Crespo. A execución dos muros de forxado sanitario tamén está xa acabada nun dos brazos e van comezar os traballos de encofrado do forxado de lousa da planta baixa. No brazo central execútanse xa os muros de peche do forxado sanitario.
A intervención, cun investimento autonómico de nove millóns de euros, "ten como obxectivo ofrecer aos veciños da comarca de Deza un equipamento sanitario de vangarda a finais do ano 2022".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.