Así foi a "cazolada" ás portas do Congreso do PP: "Feijóo escapou pola parte de atrás"

A CNT concentrouse con traballadores "en fraude de lei" do Consorcio de Igualdade e Benestar para pedir diálogo á Xunta.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2021 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

As traballadoras "en fraude de lei" do Consorcio de Igualdade e Benestar continúan coa súa estratexia de mobilización directa ante o "silencio" da Xunta de Galicia que levan denunciando  nos últimos meses. O derradeiro episodio desta cadea de mobilizacións que vén suceder a varios meses de folgas puntuais deuse do 17º congreso do PP, no que Núñez Feijóo saíu reelixido co apoio da amplísima maioría de compromisarios pero sen deixar atada a súa continuidade en Galicia máis alá de 2024.

Concentración de traballadores do Consorcio de Igualdade e Benestar ante o Multitusos Fontes do Sar no día da celebración do 17º Congreso do PPdeG
Concentración de traballadores do Consorcio de Igualdade e Benestar ante o Multitusos Fontes do Sar no día da celebración do 17º Congreso do PPdeG | Fonte: CNT

No acto, Feijóo viuse cuberto de flores por parte dos distintos dirixentes do PP galego e Estatal; coa notable ausencia de Díaz Ayuso, coñecida rival, que acudiu ao calusoroso recinto do Fontes do Sar pero non pronunciou palabra cun micrófono diante. Non o tivo tan fácil Feijóo cos mobilizados do Consorcio; que, coordinados pola CNT, montaron unha 'cazolada' ás portas do recinto co obxectivo de que a Xunta sente a falar e dea solucións á súa situación de temporalidade.

A protesta comezou ás 12 do mediodía e, segundo apuntan dende a formación, "prolongouse "por volta de 3 horas con berros de 'Feijóo escoita, tes o Consorcio en loita', 'Non ao ERE de mulleres' ou 'A nosa consellería que a leve quen a queira'". A protesta, aseguran dende o sindicato, "recibiu na entrada e á saída a diferentes altos cargos do PP, con excepción do presidente e outras personalidades que escaparon pola porta de atrás".

ACUSACIÓNS Á DELEGACIÓN DO GOBERNO

Dende o sindicato tampouco aforran críticas para a delegación do Goberno (PSOE), á que acusan de ter revogado na "véspera" do día o permiso para cortar o tránsito nas inmediacións do multiusos alegando que se debía "garantir o acceso ás instalacións deportivas e o paso do transporte público". A CNT ve neste xesto un intento de "cercenar a protesta", valorado polo sindicato como "un guiño político" entre os dous partidos que "teñen a responsabilidade de solucionar o problema da temporalidade abusiva no sector público".

Esa é precisamente a problemática que aqueixa un bo número de traballadores do Consorcio, na súa maioría mulleres. Algunhas delas levan máis dunha década encadeando contratos temporais, situación fronte á cal o sindicato chamda a "regularizar a situación de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade independentemente da forma de acceso ao seu posto"; é dicir, se accederon por oposición, listas o subrogación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta