Felipe VI volverá a Galicia o día 25 para unha entrega de medallas

O acto das Medallas Galicia terá lugar na Cidade da Cultura o vindeiro 25 de xullo, data que se recupera tras oito anos desprazada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2021 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

A cerimonia de entrega das Medallas de Galicia volverán celebrarse o 25 de xullo e neste 2021 contarán coa presenza do rei Felipe VI. Había oito anos que este acto non se celebraba no día grande da Comunidade galega, xa que en 2014 decidiuse mover a data para condecorar ás vítimas e voluntarios do accidente ferroviario de Angrois xusto cando se cumpría un ano do sinistro.

Aínda que nun principio o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificara que sería o 24, este mesmo martes a Administración autonómica avanzou que recuperará a tradicional data do 25 de xullo para a entrega da que é a máis alta distinción autonómica. Este ano, distinguirá ao persoal sanitario que participa no dispositivo de vacinación contra a covid-19.

Ademais, desta forma aproveitarase a presenza do rei Felipe VI, xa que na mesma xornada o monarca realizará persoalmente a Ofrenda ao Apóstolo por segundo ano consecutivo e asistirá á reunión do Real Padroado de Santiago, que se volverá a convocar despois de 18 anos. A esta última cita está previsto que acuda tamén o rpesidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Así, a cerimonia de entrega das Medallas de Galicia queda fixada para as 18,30 horas no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura. Será o segundo ano en que este acto estea marcado pola pandemia, xa que en 2020 esta distinción recibírona os sanitarios que loitaron en primeira liña contra a covid-19.

En 2019, os galardoados foron os expresidentes de Asturias e Castela e León, Javier Fernández e Juan Vicente Herrera, respectivamente, que recolleron a medalla semanas despois de abandonar o cargo.

O rei Felipe VI recibe en audiencia o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a 15 de setembro de 2020
O rei Felipe VI recibe en audiencia o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a 15 de setembro de 2020 | Fonte: Casa Real.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta