Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2021 | Actualizada ás 13:59
Isabel Bravo recibirá o Premio de Xornalismo "Somos Esenciais 2020" polo seu traballo "Cando as respostas aínda non tiñan resposta", emitido na Radio Coruña - Cadena SER. Con este premio, o Colexio Profesional de Xornalsitas de Galicia, organizador do certame en colaboración con Gadis, quere destacar o traballo de Bravo por "pór en valor a información local e darlle voz ás fontes expertas no primeiro día de estado de alarma".
O Premio "Somos Esenciais 2020" naceu para reivindicar a labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia en 2020, e recoñece o traballo xornalístico máis salientable dende o punto de vista informativo e de servizo público.
A xornalista Isabel Bravo recibirá o premio o luns 26 de xullo ás 17.00 na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Debido ás restricións sanitarias, o acto de entrega terá un aforo reducido e aberto só aos profesionais dos medios de comunicación. Na cerimonia estarán presentes a vicedecana segunda do Colexio de xornalistas, Belén Regueira Leal, o director de Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa, Antonio Cortés Lobato.
Ademais do premio outorgado a Isabel Braco, o xurado tamén decidiu conceder unha mención especial como finalista á reportaxe "La uci del covid, desde dentro: «No somos héroes»", publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Aos premios presentáronse un total de 39 traballos de todos os formatos xornalísticos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.