Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2021 | Actualizada ás 18:03
A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, cifrou en 1.000 empregos os que se xerarán en torno ao estaleiro de Navantia Fene co desenvolvemento do convenio entre a empresa pública, Iberdrola e Windar para a fabricación e subministración de cimentacións de futuros parques eólicos mariños, un acordo valorado en 400 millóns.
Así o asegurou no acto en Fene de firma do acordo marco por parte dos presidentes de Iberdrola, Ignacio Galán; Navantia, Ricardo Domínguez; e Windar, Orlando Alonso. A ministra sinala que se trata dun proxecto "moi importante non só para Galicia, senón tamén para o conxunto de España" porque permitirá á factoría fenesa "converterse nunha referencia internacional na área da enerxía eólica mariña e da transición cara á produción de enerxías máis limpas".
A ministra destaca o traballo de "capacitación tecnolóxica" que se acometeu no estaleiro de Fene nos últimos anos para poder desenvolver proxectos "importantes neste ámbito", e subliña que con este acordo consolídase " de forma definitiva esa especialización no ámbito das economías emerxentes e azuis" que, ademais, posibilitará a creación de "emprego de calidade non deslocalizable".
Nesta liña, o convenio leva a posta en marcha por parte de Navantia e Windar dunha fábrica de monopiles XXL en terreos do propio estaleiro. A ministra incidiu na capacidade de creación de postos de traballo na zona, "a noticia", asegura, "que espera a cidadanía por ser Navantia o pulmón da comarca". Nese sentido, apunta que a industria auxiliar beneficiarase especialmente deste proxecto que fará que Galicia "vaia a ser coñecida a nivel internacional nun sector en auxe".
FEIJÓO VEO "CLAVE" PARA PALIAR FALTA DE TRABALLO
Preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que este paso resulta "clave" para "reactivar" e "paliar en parte" a falta de carga de traballo no estaleiro, pendente ata 2022 do inicio das fragatas F-110.
"Se non chega a ser polos contratos de eólica mariña, máis os contratos anteriores, o estaleiro estaría practicamente pechado salvo o dique de reparacións. Claro que é unha boa noticia, veremos a ver se se consolida", reflexionou.
Ao tempo, incidiu en que xa hai soldadores e outros profesionais "especialistas en jackets de eólica mariña", o que supón "un 'know how' moi importante". "É un oco de mercado que conseguimos hai anos e que seguimos consolidando", concluíu.
"É un día importante que nos trae esperanzas e boas noticias", dixo, xa no acto, Núñez Feijóo. Valora que, ademais de 1.000 empregos, inclúe a construción dunha fábrica específica para este tipo de estruturas, que a día de hoxe son, segundo explican os presidentes de Windar e Navantia "o produto estrela do mercado de cimentacións fixas" nos parques de eólica mariña..
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.