Os transportistas das Pontes ameazan con retomar as mobilizacións se non se cumpre o pactado con Endesa

Denuncian que non se lles ten en conta no inicio do desmantelamento da central térmica.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 19/02/2025 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

O presidente da Asociación de Transportistas de Carbón das Pontes, 'Cholo' Bouza, asegurou que este colectivo non descarta retomar as mobilizacións se non se cumpre o pactado con Endesa, un acordo que recollía que este colectivo participaría nas tarefas de desmantelamento da central térmica desta localidade. "Endesa chegou a un acordo connosco no que calquera material que se movese, tanto nos portos de Ferrol como en Endesa, ou mesmo nos eólicos en Galicia, habería que falar antes de nada con transportistas das Pontes", detallou Bouza. Por iso, para facer movemento de mercadorías "o primeiro que tiñan que facer era pedirlle oferta á asociación das Pontes", algo que segundo asegurou non se produciu, en alusión ás tarefas que iniciou a empresa Lezama, adxudicatura de Endesa neste desmantelamento.

"Andan mirando todo ao redor, onde se move un camión, pedindo ofertas para logo trasladárnolas a nós e dicirnos que estes están a traballar por este prezo, ou queren traballar por este prezo", o que lle valeu para asegurar que "andan como pedindo ofertas por atrás para despois comparar os prezos". Mostra a súa desconformidade coa súa maneira de actuar, xa que "esta xente aquí non vai montar nada, veñen despezar" o que había. Incide en que baixo o seu criterio "os chatarreiros, a maior parte deles, ou case todos, son os máis ricos de España", e que a empresa Lezama "vén desmontar e marchar". Considera que ao colectivo de transportistas "hai que axudarlles, protexerlles, e se hai que facer un esforzo para poder axudalos, pois hai que facelo".

PRIMEIRO CONTACTO

Ante a situación actual, 'Cholo' Bouza asegurou que, na noite do pasado martes, 18 de febreiro, chamáronlle para pedirlle unha reunión para o xoves, "pero ata agora nada". Tras este encontro, os integrantes da Asociación de Transportistas de Carbón das Pontes están convocados a unha asemblea a celebrar o vindeiro sábado, día 22, polo que dependendo do que alí se decida actuarán en consecuencia. "Se o sábado non estamos de acordo, pois seguramente se empezará con problemas e non van sacar chatarra de aí, nin van sacar nada, non o imos a permitir, xa que con seis ou sete camións bloqueamos todo", subliñou.

Segundo detallou o presidente deste colectivo, dos máis de 150 transportistas que chegaron a aglutinar agora quedan "50 ou 60". "Uns tiveron que deixar a actividade, malvendendo o camión, outros retiráronse antes de tempo, cunha xubilación moi pequena, e outros fóronse a outros traballos" ou realizan transporte con outras materias, polo que é necesario "adaptar os camións", como fixeron algúns para poder traballar no desmantelamento, "porque as bañeiras que había antes non valen para transportar a chatarra ou o fibrocemento".

Central térmica das Pontes
Central térmica das Pontes | Fonte: AS PONTES

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta