Absolven ao exalcalde de Coristanco de malversación, prevaricación e fraude

A Fiscalía denunciaba que recibira tres partidas de formigón dunha obra municipal para uso particular e de contratar gasólio para as instalacións municipais a un prezo moi superior ao do mercado.

Por Galicia Confidencial | Coristanco | 03/08/2021 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

A Audiencia provincial da Coruña absolveu ao exalcalde de Coristanco Antonio Pensado de dous delitos de prevaricación, un de malversación de caudais públicos e outro de fraude á Administración pública.

Antonio Pensado, exalcalde de Coristanco
Antonio Pensado, exalcalde de Coristanco | Fonte: arquivo

A Fiscalía, que o acusaba de aproveitar en 2011 para uso persoal tres partidas de formigón destinadas a obras municipais e de contratar a subministración de gasóleo en 2012 para instalacións municipais a un prezo moi superior ao de mercado, pedía unha condena de 5 anos de cárcere e outros 27 anos de inhabilitación.

Ademais, acusaba á súa muller e ao seu fillo, que finalmente tamén foron absoltos, de supostamente recibir o formigón para uso persoal. A sección segunda do citado tribunal explica na sentenza, á que tivo acceso Efe, que o fillo e a muller do entón rexedor asinaron albaranes de entrega de formigón na parroquia de Seavia, na que vivía a familia, onde "non levaba a cabo ningunha obra municipal".

No entanto, os maxistrados engaden que estes supostos, en alusión a unha apropiación para uso persoal, "non poden terse por acreditados". Pensado alegou na vista oral do xuízo que o material era para unha obra municipal que non tiña contrato porque era "pequena" e fíxose "de urxencia".

Así, os xuíces agregan que nesa parroquia, noutras ocasións, "descargouse o mesmo material, recepcionado por persoa distinta aos acusados", no día anterior e no último deses en que tiveron intervención os acusados. "Os acusados ofrecen unha explicación que xustificaría a súa intervención nos documentos", segundo a Audiencia.

Respecto aos segundo asuntos, o entón alcalde estaba acusado de contratar por un "prezo desorbitado" a subministración de gasóleo con cargo a fondos municipais.

A Audiencia considera que "dese suposto concerto non existe mínima proba, por moito que se tratase da principal empresa subministradora do produto, e o ánimo ilícito só podería deducirse do sobreprezo, este si acreditado co informe que analiza comparativamente facturas das mesmas datas".

Así, argumenta que a intervención municipal non presentou "reparo" algún, senón máis ben un "informe favorable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta