Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 03/08/2021 | Actualizada ás 17:12
A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo informou de que a venda ao público das entradas para asistir aos curros do sábado 28 de agosto (18,00 horas) e o domingo 29 (12,00 horas) realizarase exclusivamente de maneira anticipada a través da súa páxina web.
Segundo concreta, non se abrirá ata que estea ultimado o protocolo anti covid-19 que se está elaborando para "garantir o cumprimento da normativa sanitaria e priorizar a saúde de todas as persoas implicadas".
A data de apertura da venda en liña anunciarase --ratifica-- nas próximas semanas a través das redes sociais e os medios de comunicación, e o prezo das entradas será de 11 euros máis os gastos de xestión da plataforma de venda.
En todo caso, a asociación xa anticipa que "a capacidade do curro será moi reducida" e que as restricións sanitarias obrigarán tamén a "limitar notablemente" a acreditación de medios e profesionais da comunicación.
Neste sentido, avánzase que o prazo de acreditación tamén se dará a coñecer proximamente nas redes sociais e advírtese que, como norma xeral e agás para casos puntuais autorizados pola asociación, nesta edición non se permitirá aos profesionais gráficos baixar ao curro para captar imaxes entre os cabalos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.