O Goberno de Feijóo pide aval xudicial para o certificado covid, pero reafírmase en que non sería preciso

No escrito remitido asegura que "a lei de pandemias galega --como se refire a reforma da lei de saúde autonómica-- lexitima" a Xunta para establecer esta esixencia sen necesidade de autorización xudicial previa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2021 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

O Goberno galego xa presentou ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a solicitude de autorización xudicial para poder esixir o certificado covid para acceder a locais de hostalaría nos municipios con niveis alto e máximo de incidencia do virus, así como no lecer nocturno nos niveis medio e baixo --nos de maior incidencia os interiores están pechados--.

A Consellería de Sanidade ratificou o paso na mesma xornada na que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeu, en declaracións realizadas en Telecinco, que o seu Executivo "vai respectar" os autos emitidos polo TSXG, pero reafirmouse en que a Xunta vía avalada a medida pola lexislación galega sen necesidade de recorrer previamente á Xustiza.

De feito, o presidente galego asegurou que no escrito que a Xunta presenta ante a Xustiza acreditarase "que a lei de pandemias galega --como se refire á reforma da lei de saúde autonómica-- lexitima" á Comunidade para establecer esta esixencia sen necesidade de autorización xudicial previa.

"Isto facémolo por varias razóns: primeiro porque a maioría de países europeos están a facelo; segundo, porque máis do 70% da poboación galega ten a pauta vacunal completa; e terceiro, porque nos parece a forma máis segura para axudar á hostalaría a traballar sen limitacións e tamén para consumir en locais de localidades con incidencias altas", manifestou.

Varias indicacións de obrigatoriedade de presentar certificados antes de acceder ao interior, nunha marisquería da Rua do Franco, en Santiago.. César Arxina - Europa Press
Varias indicacións de obrigatoriedade de presentar certificados antes de acceder ao interior, nunha marisquería da Rua do Franco, en Santiago.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

"NON HAI LEXISLACIÓN"

Máis aló, defendeu a medida e lembrou que en España "hai 18 millóns de persoas inmunizadas". Así as cousas, recalcou que o obxectivo do pasaporte covid "non é viaxar" ou coller un avión, se non favorecer que se poidan utilizar os establecementos de lecer "de forma segura para o conxunto da comunidade".

Así mesmo, á espera do que diga o TSXG, volveu lamentar que se "acredite" unha vez máis "que non hai lexislación" en España. Feijóo, que xa se queixou da "xudicialización" da pandemia, esgrimiu que "o Goberno decidiu non facer nada", co que as comunidades tentan buscar o respaldo ás súas medidas nos seus respectivos tribunais superiores. Esta situación, remarcou, desemboca ás veces en decisións contraditorias por territorios ante supostos similares. Non en balde, fixo fincapé en que se autorizaron peches en lugares con menos incidencia do virus que noutros nos que o alto tribunal en cuestión dixo que non.

VACINACIÓN EN RESIDENCIAS E SANITARIOS

Feijóo, quen defendeu a vacinación obrigatoria para sanitarios e coidadores de maiores en residencias nunha entrevista con Europa Press, reafirmouse na súa postura. Baixo o seu punto de vista, é "imprescindible" facelo. Así, argumentou que un coidador non vacinado "mal pode dar garantías" á persoa que coida, sobre todo "se ademais ten unha idade elevada e pluripatoloxías". Lembrou que en Galicia foron os primeiros colectivos vacinados e que agora se espera que haxa unha doutrina científica pechada sobre se é precisa e cando unha terceira dose, para determinar os pasos a dar.

Finalmente, queixouse dos criterios de repartición para as doses de vacinas a maiores anunciadas por Pedro Sánchez. En concreto, considerou "simplón" unha repartición que só se axusta en base ás cantidades recibidas previamente por ter máis poboación diana, pero non ten en conta que hai comunidades con máis cidadáns inmunizados porque contraeron a enfermidade e que requiren, en consecuencia, menos segundas doses.

O DELEGADO DO GOBERNO PIDE "CALMA"

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, expresou este venres o seu "respecto" ante a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), pero pediu "calma" dada a situación extraordinaria provocada pola covid-19. "Creo que é o momento de que acouguemos. Neste sentido, canto menos ruído político fagamos, mellor, porque non nos leva a ningún lado. Debemos reflexionar e ter en conta que estamos nunha pandemia e non hai ningún manual para xestionar isto, é algo novo", argumentou Miñones, que mostrou tamén o seu "respecto" polas decisións tomadas pola Xunta no ámbito sanitario.

Respecto ao aval xudicial que xa pediu o Executivo autonómico para continuar solicitando o certificado covid, o delegado entende que se finalmente se concede, "continuarase como ata agora" e, en caso contrario, "habería que buscar outras medidas". Con todo, Miñones insistiu en que "o obxectivo segue sendo reducir os contaxios" e pediu, ademais, que "as medidas sexan acordadas coa hostalaría".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta