Denuncian "a precariedade laboral" do persoal empregado público das Illas Atlánticas

Os sindicatos CIG, CC.OO., CSIF e UGT, afirman que están "nun limbo" desde a transferencia deste espazo natural protexido do estado español á Xunta en 2008.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/08/2021 | Actualizada ás 16:04

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG, CC.OO., CSIF e UGT denuncian ante a Consellería de Medio Ambiente "a precariedade laboral" do persoal empregado público que presta servizo nas Illas Atlánticas, o que confronta coa imaxe de "paraíso natural" do parque nacional.

Critican, nun comunicado conxunto, que a Xunta "se resiste a regular" o seu traballo e anuncian mobilizacións para reclamar a apertura da negociación relativa ás súas condicións laborais.

Trátase, segundo apuntan, de 25 empregados públicos entre funcionarios e persoal laboral, que prestan servizo "os 365 días do ano" nas illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. As centrais afirman que están "nun limbo" desde a transferencia deste espazo natural protexido do estado español á Xunta en 2008.

Axentes, vixiantes, guías e tripulación conforman un grupo de traballadores que en dúas quendas semanais manteñen o funcionamento deste espazo e a atención aos usuarios, explican as organizacións sindicais.

"Mentres, a consellería mantén o servizo as 24 horas do día os 365 días do ano cun persoal raquítico e sen un acordo de condicións de traballo que regule a súa situación singular", critican.

Ademais, advirte que as empresas e contratas que emprega a Xunta no verán para obras e actuacións teñen aos seus traballadores en condicións "aínda peores" e comparten espazos "e penosidades" co persoal empregado público.

DENUNCIAS

En concreto, o comunicado conxunto denuncia "xornadas de traballo nas illas infinitas xa que a dispoñibilidade é total", responsabilidades "non recoñecidas", "especiais penosidades", quendas de noite e traballos con risco tóxico ou biolóxico, condicións de seguridade "ínfimas", unha conciliación "imposible" e persoal de longa duración en prazas estruturais.

Tamén apunta a vivendas "compartidas con enormes carencias e considera "inadmisible que despois de 18 anos de servizo continuado non se negociase unha solución nin existise ningún tipo de interlocución".

Arquivo - Illas Cíes, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.. ANGEL TORRES ESCALANTE - Arquivo
Arquivo - Illas Cíes, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.. ANGEL TORRES ESCALANTE - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta