Trinta patrullas militares participarán na vixilancia dos montes galegos a partir deste domingo

Medio Rural financiará o importe dos gastos que se produzan con motivo desta colaboración.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 15/08/2021 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

A Operación Sentinela Galego 2021 comezará o vindeiro domingo día 15 e prolongarase ata o 1 de outubro.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participou este xoves na presentación do despregamento das tropas nun acto que tivo lugar na base aérea contra incendios do Campiño, no municipio de Pontevedra.

A reedición deste convenio entre o Ministerio de Defensa e Medio Rural permitirá incorporar 30 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil ao dispositivo de loita contra os incendios forestais. Medio Rural financiará o importe dos gastos que se produzan con motivo desta colaboración.

O orzamento previsto para o recoñecemento, despregamento, actividade operativa e substitucións da unidade das Forzas Armadas é de case 470.000 euros, unha cantidade idéntica á do pasado ano.

O conselleiro sinalou que este operativo "vén para intensificar a vixilancia e tamén para incidir na identificación dos incendiarios", achegando ademais o beneficio de que a propia presenza dos militares sobre o terreo disuada deste tipo de prácticas delituosas.

José González afirmou que este "compromiso común" do Ministerio e da Consellería "é efectivo e vén sendo renovado desde hai máis de 20 anos" e ademais "mostra que a implicación do Exército na protección dos nosos montes e en nosa propia seguridade é un feito polo que todo galego debe sentirse agradecido".

O persoal do Exército estará baixo o mando único da Xunta. A incorporación de medios e persoal poderá ser superior se aumenta o esforzo por situacións de risco alto ou moi alto, chegando ás 75 patrullas e 2 helicópteros de vixilancia se o nivel de risco é moi alto.

O conselleiro insistiu na necesidade de reforzar os labores de disuasión e vixilancia como "outra forma máis de facer prevención" e destacou que máis do 70% do territorio galego está cuberto por cámaras que permiten "salvagardar, detectar e anticiparnos" ao lume. Así mesmo, xa son 12 os drones que a Xunta destina á loita contra os incendios.

Operación Sentinela nos montes galegos
Operación Sentinela nos montes galegos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta