Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2024 | Actualizada ás 21:55
O texto non deixaba lugar a dúbidas “ O Partido Popular de Galicia celebra que, grazas ao impulso do Grupo Popular no Parlamento Europeo, o Comité Permanente do Convenio de Berna (CPCB) veña de aprobar a redución do nivel de protección do lobo e se abra así a posibilidade de que se poida regular o control cinexético da especie”. Porén, as alarmas saltaron entre grupos ambientalistas e ecoloxistas: a UE, en concreto o CPCB, resolvía que o lobo, un dos grandes depredadores na cadea alimentaria “salvaxe”, quedaba exposto a unha menor protección como especie en perigo. Sindicatos agrarios reclamaban en Galicia maiores e mellores medidas contra este animal, partidos políticos na oposición colocábanse ou na “mellora dos medios para a convivencia co animal” ou en buscar “solucións de equilibrio”. O Grupo Parlamentario Popular, que apoia o goberno da Xunta, alude aos 1.600 ataques no período 2022-2023 e as 2.800 cabezas de gando mortas. Aínda así, a decisión do CPCB-UE non afecta “para nada á situación do lobo” en Galicia e no resto do Estado.
POR QUE?
A decisión da rebaixa de protección interprétase como un avance na protección das explotacións gandeiras, sobre todo en extensivo e por tanto, unha rebaixa nos potenciais riscos que sofren estas cabezas de gando. Doutra parte, as voces contrarias apuntan a informes a-científicos e sen bases de investigación sólidas que lle dean xustificación algunha á decisión da UE. “A decisión baséase en intereses de determinados lobbies arredor da UE e da teima en criminalizar a este animal para minimizar outros problemas do agro europeo” apunta Fins Eirexas de ADEGA.
Os motivos das idas e vindas co gan cánido no caso do Estado español céntranse na protección que o MITECO, no seu momento dirixido por Teresa Ribera, deu ao lobo en todo o territorio “ao norte e ao sur do río Douro” como din desde Ecoloxistas en Acción (EEAA). Isto fíxose para protexer as escasas mandas que hai ao sur deste río, aínda que a visión desde o PPdeG é a “dunha teima persoal de Teresa Ribera” apunta Miguel Viso, parlamentario. Por iso consideran a rebaixa da UE como unha medida que pode cambiar as cousas a positivo para os gandeiros.
Segundo Unións Agrarias (UUAA) estender o 'Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial' (LESPRE) para o lobo en todo o territorio non foi unha boa decisión. No sur de España entenden a aplicación mais no Norte a poboación destes cánidos salvaxes “é estable” mesmo “cun número de mandas na Mariña luguesa igual ao de Alemaña e en toda Galicia hai máis lobos que Portugal, Suecia e Alemaña xuntos”. Os censos que UUAA manexa son coincidentes cos elaborados pola Xunta entre 2021 e 2022. O sindicato agrario apunta no seu 'Informe sobre la situación del lobo en el medio rural de Galicia' que: “se estima unha poboación de 736 a 828 exemplares, repartidos nuns 93 grupos. Esta poboación é superior á de toda Francia (uns 500 exemplares censados) ou á de toda Escandinavia (uns 450 lobos censados). Os expertos calculan que hai 14.000 lobos en Europa, dos cales o 20% están en España, e o 30% deles en Galicia”.
No 'Censo de lobo ibérico en Galicia. 2021-2022. Resumo' da Xunta de Galicia apúntase que: “para o conxunto de todo o territorio galego e considerando os resultados baseados no emprego dun modelo lineal que relaciona a concentración de indicios coa probabilidade de reprodución, e tres criterios relacionados coa observación directa e/ou a detección de ouveos de cachorros, estimouse a presenza de 93 mandas reprodutoras de lobo en Galicia”
Sexa como for, os gandeiros en extensivo son quen presentan máis queixas sobre ataques. E sobre todo, presentan queixas e “temos que esperar a valoración dun ano para outro até que nos dean a compensación” di Samuel Formoso, gandeiro da Limia. Porque, aínda habendo compensacións por perdas de animais, para acceder a elas os peritos da Xunta deben acreditar que foi un ataque de lobo e para iso debe haber restos e darse uns condicionantes. Se non se cumpren, non hai compensación, se se outorga o diñeiro para compensar a perda é probable que se tarde un ano en cobrar por “falta de orzamentos”.
O principal 'por que' é o medo aos ataques á gandaría extensiva e ás perdas en carne (aínda que últimamente o prezo por quilo de carne vacún subiu lixeiramente, un euro polas importacións de países extracomunitarios, sobre todo do Norte de África). Unha compensación de 600€ por un becerro morto non sería abondo para cubrir as perdas en carne. A xestación dunha vaca é de nove meses, mais logo está o período en que o becerro mama o leite e até que a vaca volve estar en condicións de parir unha nova cría, pode pasar case ano e medio. Un animal adulto de ruba galega pode ter unha compensación de 2.000€.
AXUDAS, CONVIVENCIA E CONTROL
A Xunta de Galicia anunciaba o 11 de decembro de 2024 a apertura do prazo para que os gandeiros soliciten axudas para a prevención de danos polo lobo ou xabaril. Segundo as informacións, o orzamento son 5.9 millóns de euros. En 2023 a Xunta reclamara 4.3 millóns por vía xudicial aludindo que o Goberno non lle concedía ese diñeiro por non aceptar o goberno galego a Estratexia nacional do lobo (ENL). Para algúns, o rexeitamento da estratexia nacional en 2023 e a aceptación das axudas de case seis millóns reponden a intereses particulares. “Este ano collen o diñeiro e acabará repartido baixo criterios clientelares” din desde ADEGA.
O PPdeG reafirma que non estaban de acordo coa ENL en base aos informes da Xunta que falaban de poboación estable do lobo. Pola contra, EEAA denuncia que Galicia non conta con censos axeitados senón con estimacións de mandas, como di Theo Oberhuber, aínda máis, non existen censos con criterio científico sobre a poboación real do cánido salvaxe en terras galegas. “As CCAA do Noroeste non apostaron por investir na convivencia co lobo mediante a prevención” e pola contra “apostaron pola caza de 'cupos'”. ADEGA lembra que en Asturias e Castilla y León estaba regualada a caza destes animais por cupos pagando unhas determinadas cantidades de diñeiro. “O que agochaba era unha caza ilegal para elites”.
“As batidas non serviron para nada” di Luis Bará, parlamentario do BNG. Entre 2012 e 2018 houbo unha serie de batidas, incluíndo ilegais, que non solucionaron os problemas dos ataques de lobo. O BNG aposta por un control desde as autoridades públicas e senón, sería necesario deseñar un plan de convivencia entre a gandaría e o lobo e para iso destinar orzamentos achegados desde a UE vía Goberno central. “Houbo unha achega de 4 millóns de euros para compensar danos e a Xunta tardou dous anos e repartilos”.
O PSdeG reclama un punto que permita tanto a protección do lobo como das persoas. Isto seguindo os puntos marcados pola UE mais tendo en conta as peculiaridades das diferentes áreas. A rebaixa do nivel de protección implica para os socialistas galegos a creación de medidas que permitan a xestión da convivencia entre gandeiros e lobo, apunta a parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez. “Non podemos ir a posturas extremas de si ou non, pode haber un control da especie ao mesmo tempo que se toman medidas de protección para o gando”. Se o control volve implicar o uso das batidas, ou a caza controlada, unha proposta sería a creación de cotas monetarias para sociedades cinexéticas que irían parar a un fondo de compensación por danos, segundo UUAA.
As conclusións non son definitivas. Os sectores afectados (gandeiros, sobre todo) apuntan á abundancia de lobos como causa da perda de beneficio. Uns apostan polo control da poboación mentres que outros apostan pola convivencia mediante medidas preventivas. O “control cinexético” sumado á caza furtiva non deu resultado ningún, o mesmo con outras especies, tal como din algúns grupos políticos e todos os ambientalistas. Doutra banda, o diñeiro que debera ir destinado á prevención hai uns anos tardou en chegar e en 2024 xa se abriron as axudas. O primeiro por desacordos coa política ambiental do Goberno central (PSOE) por parte da Xunta (PP) e o segundo faise, segundo ambientalistas, para un reparto “clientelar” das axudas.
As voces máis críticas ven o lobo como o inimigo a bater para desviar a atención de problemas máis graves no agro e que ningunha administración quere resolver. Aínda máis, que o Partido Popular Europeo aceptase a rebaixa de protección do lobo é para moitos e moitas un intento máis de non peder votos pola extrema-dereita e por iso fai “seguidismo” da mesma. Confrontacións políticas, intereses económicos, acusacións de falta de rigor científico e axudas “discrecionais” son argumentos exhibidos para xustificar as medidas da UE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.