A Xunta emitiu case 1.100 informes paisaxísticos en 2024

En concreto, foron un total de 1.056 informes, solicitados principalmente no marco dos procedementos de avaliación ambiental de diferentes plans e proxectos (339) e para determinar os usos compatibles co Plan de ordenación do litoral (429).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2024 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), emitiu o ano pasado preto de 1.100 informes en materia paisaxística, unha actividade que cualifica de "intensa" e que, segundo destacou, "reflicte o traballo e o esforzo" realizados polo organismo autonómico encargado de velar pola posta en valor e a protección da paisaxe galega nas súas diferentes formas.

Así o destacou esta mañá o director do IET, Enrique de Salvador, durante o Consello Asesor da Paisaxe, órgano creado no ano 2019 para analizar e orientar as políticas sectoriais da Xunta e que como cada ano por estas datas, se reune para ratificar o informe de actuacións desenvolvidas ao longo de 2024 nesta materia. Entre elas, destacou como fito principal a aprobación da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas (Egivcre).

Tras sinalar que Galicia converteuse deste xeito na primeira comunidade en dotarse dun instrumento estratéxico propio para o impulso das infraestruturas verdes como elementos integradores da paisaxe e para contrarrestar o cambio climático, o director puxo en valor a intensa actividade desenvolvida polo IET ao longo do último ano. En concreto, referiuse á emisión dun total de 1.056 informes, solicitados principalmente no marco dos procedementos de avaliación ambiental de diferentes plans e proxectos (339) e para determinar os usos compatibles co Plan de ordenación do litoral (429).

Neste sentido, tamén destacou a consolidación do visor dixital 'A paisaxe de Galicia desde a bicicleta', presentado hai dous anos e que é xa una das ferramentas interactivas do IET máis consultadas. En concreto, no período comprendido entre setembro de 2022 e a actualidade o visor recibiu 28.241 visitas, tivo máis de 9.300 usuarios frecuentes e rexistrou 2.250 descargas. En vista do éxito conseguido, Enrique de Salvador explicou que este ano se ampliou a rede inicial do proxecto en 1.590 quilómetros, repartidos en 30 novas rutas, polo que xa son 82 os itinerarios ciclistas dispoñibles a través desta ferramenta dixital e grazas aos cales se poden descubrir e percorrer en bicicleta lugares de alto valor paisaxístico.

Reunión do Consello Asesor da Paisaxe
Reunión do Consello Asesor da Paisaxe | Fonte: XUNTA

No marco da aposta do Goberno galego pola cultura do 'fermosismo', a cuarta convocatoria das axudas do IET para a corrección de impactos paisaxísticos en edificios, equipamentos, vivendas e outras construcións, públicas e privadas, saldouse este ano con 50 concellos e 348 familias beneficiarios no conxunto da Comunidade, esgotando un ano máis o orzamento reservado a estes incentivos (un total de 2 millóns de euros). Neste sentido, o director do organismo autonómico avanzou que o próximo 9 de xaneiro publicarase no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria destas axudas, a quinta xa, dotada cun orzamento inicial de 2 millóns de euros: 1 millón para a liña dirixida a concellos e 1 millón para a destinada a propietarios particulares.

Así mesmo, o Consello Asesor da Paisaxe tamén foi informado do resultado da convocatoria deste ano do galardón 'Bandeira Verde', cun total de 24 municipios premiados, a cifra máis alta desde a primeira edición do ano 2020. Ademais, o IET publicou tamén este ano (en papel e en formato dixital) a 'Guía de boas prácticas para as terrazas no espazo público', no marco da Colección Paixase Galega que ten como fin protexer as diferentes formas de paisaxe impulsando a conservación e o mantemento e ofrecendo criterios para a planificación de futuras intervencións no territorio.

Por último, no ámbito da sensibilización paisaxística, o IET tamén volveu apostar, no marco do Plan Proxecta, polo proxecto educativo Mestres Gandeiros, que busca contribuír á adquisición de competencias entre o alumnado en materia de paisaxe e conciencia ambiental. Centrado en transmitir o coñecemento e as boas prácticas agrarias que a poboación rural están a levar a cabo como xestores da biodiversidade e da paisaxe aos mozos das cidades, no curso 2023-2024 participaron un total de 15 centros de distintos puntos de Galicia, coa implicación activa de 781 alumnos e 120 docentes.

Ademais, a Fundación Eduardo Pondal organizou este ano, co patrocinio e colaboración do IET, unha serie de rutas pola ribeira baixa do río Anllóns, dentro do contexto das Paisaxes pondalianas, e o organismo autonómico volveu colaborar no certame Vilas en Flor 2024 que organiza a Fundación Juana de Vega para premiar a aqueles concellos que destacan polos seus proxectos de axardinamento e ornamentación floral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta