Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2024 | Actualizada ás 12:31
A Alameda de Santiago de Compostela está chea no comezo dunha manifestación convocada pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) baixo a lema 'A Xunta non pode calar todo un país. Altri Non', unha cita que esperan que sexa "o último golpe sobre a mesa".
A manifestación, convocada para clamar contra o complexo industrial que a multinacinoal portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei, saíu ás 12,00 horas da Alameda compostelá cara á Praza do Obradoiro. Unha protesta que conta co resplado de numerosas plataformas e partidos políticos. En declaracións aos medios antes de iniciar a marcha, a presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, asegurou que "este proxecto vai en contra da maioría social de Galicia". "As nosas fillas van herdar unha ría produtiva, unha terra fértil, aire limpo e auga limpa, non é negociable" , aseverou Gontá.
Así mesmo, o presidente de PDRA, Xaquín Rubido, fixo fincapé en que a manifestación deste domingo vai ser "algo singular e algo importante que vai marcar un antes e un despois".
APOIO POLÍTICO
Representantes de diferentes forzas políticas participan nesta manifestación, entre eles, a viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o Secretario Xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López e o deputado de Sumar pola Coruña, Manuel Lago, entre outros.
MANIFESTACIÓN MOI COLORIDA
A protesta estivo acompañada de numerosos cartaces e "performances". Entre elas, a recreación dun gran río Ulla xigante de centos de metros feito cunha gran tela azul. Ducias de persoas portaron, ademais, maquetas e carteis de elementos deste río, do seu bosque ou da ría de Arousa, como animais, bateas, canas, muíños. Ademais, ao carón deste simbólico río que será contaminado por Altri, outros voluntarios portaron os nomes de todos os territorio que bañan o Ulla, para amosar que a megapasteira non só contaminará a Ulloa, senón toda Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.